coruna 01/12/2015

A Concellería de Igualdade traballará de forma coordinada coas forzas de seguridade nos temas relativos á erradicación das violencias machistas

by Victor Lamela

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou este luns na I Xornada En torno á abordaxe da Violencia de Xénero dende o ámbito xurídico, policial e social: reflexións e perspectivas de futuro, organizada polo Concello da Coruña, coa colaboración de IPA Galicia (Asociación Internacional de Policía), e celebrada no centro municipal Ágora. A representante municipal manifestou que esta xuntanza constituíu “un primeiro paso no establecemento dunha serie de actividades de coordinación tanto coa Policía Local como co resto de corpos de seguridade para traballar de forma conxunta na erradicación das violencias machistas”.

unnamed

Fraga, que agradeceu a iniciativa tanto da Policía Local como de IPA Galicia nestas xornadas, indicou a intención da súa área de levar a cabo unha mesa de coordinación, co obxectivo de axudar e colaborar coas forzas de seguridade na prevención e erradicación da lacra que supoñen os diversos tipos de violencias machistas e de xénero. “Sobre todo queremos darlle apoio e recomendacións sobre como deben actuar ante casos como estes, así como de toda información que lles poden facilitar ás vítimas, á fin de coordinar mellor todas as nosas actuacións co obxectivo sempre de atender á cidadanía da mellor maneira posible”.

Esta I Xornada en torno á abordaxe da Xiolencia de Xénero contou, ademais de coa participación da propia Rocío Fraga, con Susana Catalán, en calidade de representante de IPA Galicia; o xefe de

Policía Local, José Antonio Brandariz; Betty Rico, directora do Centro de Información á Muller (CIM); Gloria Sánchez, da Rede Municipal de Acollemento; Fernando Martínez Gamallo, fiscal coordinador de casos de violencia contra a muller, e diversos representantes dos corpos de policía local e nacional.

Rede por un Municipalismo Feminista

Fraga insistiu na necesaria abordaxe de actuacións en materia de seguridade tamen tendo en conta as perspectivas de xénero e de loita contra as violencias machistas. De feito, durante a pasada fin de semana, no marco do encontro municipalista celebrado na Coruña participou nunha mesa de traballo sobre seguridade, onde os e as representantes dos diversos concellos fixeron especial fincapé neste aspecto.

Por outro lado, está previsto que nos próximos días, A Coruña, xunto con outros municipios máis de Galicia e do Estado español, algúns deles presentes nas xornadas de traballo institucionais vividas a pasada fin de semana na cidade, asinen un manifesto conxunto que sirva como pedra angular da creación dunha Rede por un Municipalismo Feminista, baseado na prevención e erradicación das violencias machistas.

A %d blogueros les gusta esto: