Ayuntamiento 7th diciembre 2018

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha o servizo especial de recollida de residuos para o Nadal

by Victor Lamela

A Concellería de Medio Ambiente acaba de iniciar a campaña especial de limpeza de Nadal, coa que o Concello reforza tanto o servizo de recollida de residuos orgánicos e inorgánicos na zona centro, pola súa alta concentración hostaleira, como ademais, a recollida de papel e cartón nas principais zonas comerciais da cidade. Estes reforzos, xa habituais, veranse complementados coa campaña especial para o fomento da reciclaxe de vidro no sector da hostalería, ademais de co incremento dos recurso para limpeza viaria e recollida os 26 e 2 de xaneiro, para compensar a alta produción de residuos das anteriores xornadas.

No que atinxe á recollida de orgánico e inorgánico na zona centro, debido a súa alta concentración hostaleira, o servizo de reforzo estará activo dende este xoves, 6 de decembro, até o 8 de xaneiro (coa excepción dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro). As medidas deste dispositivo supoñen duplicar a recollida e tamén a contenerización, dado o incremento da actividade do sector polo período festivo, no ámbito comprendido entre Juana de Vega e a rúa Troncoso. Dese xeito, á recollida diaria nocturna do lixo orgánico e inorgánico sumase unha segunda quenda. Os comercios de hostalería terán entre as 15.00 e as 17.00 horas para depositar os seus residuos antes do paso do dispositivo de recollida. Debido a ser unha zona moi densa na que non hai posibilidade de aumentar a conteneurización de forma permanente sen perturbar o espazo público, o dispositivo baseará o seu reforzo na colocación de contedores portátiles, presentes na vía pública nas horas estipuladas. A esta medida súmase, en paralelo, a campaña que o Concello ten en marcha dende este outono con Ecovidrio para o fomento da reciclaxe de vidro nos establecementos hostaleiras, por ser grandes consumidores deste material. “Neste caso contamos con dous educadores ambientais que están á traballar cos propios bares e restaurantes para sensibilizalos e conciencialos sobre a importancia da reciclaxe, así como para informalos da obrigatoriedade de separación”, explica a concelleira de Medio Ambiente, María García, que comenta que o programa que se está a seguir fixo que nos dous últimos meses xa se realizasen labores de acompañamento en máis de 1.000 locais da cidade que, ademais, poden contar cun contedor especial para o vidro. Segundo os datos do Concello, estímase que o 52% dos envases de vidro que se recuperan na cidade veñen derivados do seu uso no sector hostaleiro.

Por outro lado, Medio Ambiente tamén activará, neste caso o venres 7 de decembro e, de novo, até o 8 de xaneiro, o reforzo de recollida de papel e cartón nas principais áreas comerciais abertas da cidade, que abranguen a zona centro, San Andrés e Juan Flórez, a zona dos Mallos e Ángel Senra, a rúa Barcelona, e a contorna de Catro Camiños e A Gaiteira. Neste caso, o Concello tamén desenvolveu un servizo porta a porta (os e as comerciantes deben deixar os cartóns dobrados nos puntos acordados e nas portas dos establecementos á hora de paso do camión de recollida). Se a cobertura ordinaria contempla a recollida en días alternos, o reforzo realizarase todos os días agás os domingos.

Os horarios e lugares de recollida exacta da campaña de reforzo do Nadal, tanto para a hostalería como para o comercio, estarán dispoñibles a partir de mañá venres na webwww.noseusitio.coruna.gal​. Ademais, folletos informativos serán enviados ás asociacións de comercio de hostalería, sendo posible tamén informarse a través do teléfono 010.

Á marxe destas campañas, a Concellería de Medio Ambiente incrementará os recursos destinados á limpeza e recollida de residuos os días 26 de decembro e 2 de xaneiro, de cara a compensar o crecemento das producións dos días precedentes. En ambas as dúas xornadas, os servizos de limpeza viaria medrarán un 35%, mentres que os de recollida o farán un 50%. Estes reforzos teñen un custo estimado total de máis de 100.000 euros.

A titular de Medio Ambiente indica que co desenvolvemento destas campañas, que o actual goberno local puxo en marcha este mandato tanto en Nadal como en verán, “se dá continuidade ás políticas para a mellora da xestión de residuos e, tamén, da calidade do espazo público”. “Traballar co comercio e coa hostalería resulta especialmente relevante en tanto que son, xunto cos polígonos, os grandes produtores de residuos, e xeradores do 30% dos que se producen nunha cidade”. “De aí a importancia de mellorar a xestión desta porcentaxe, porque posibilita un incremento substancial da recuperación de materiais de refugallo”, incide. “Ademais de contar, en breve, con novos contratos de limpeza e recollida, adaptados á realidade desta cidade e coa participación de todo o sector na elaboración dos pregos, é moi importante fomentar as estratexias de cara ao residuo cero. Neste momento, levamos acumuladas até cinco campañas de educación ambiental coa hostalería, a última, como comentamos, con Ecovidrio, xa que unha incorrecta separación deste material xera moitos problemas nas plantas de tratamento”, especificou. “Contar coa colaboración da cidadanía, e neste caso de determinados sectores que concentran gran produción de residuos é fundamental, especialmente, na zona centro da cidade, onde polas súas características, non é posible aumentar o número de contedores soterrados”, apuntou.

A %d blogueros les gusta esto: