coruna 14th mayo 2019

A Concellería de Participación oferta 90 prazas nos campamentos de verán, que se poden solicitar dende o vindeiro mércores

by Victor Lamela

​A Concellería de Participación e Innovación Democrática organiza, a través do departamento de Mocidade, campamentos de verán dirixidos a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos e que se celebrarán no mes de xullo. Serán dous campamentos de 45 prazas cada un, nos que a participación é gratuíta. O prazo de solicitude de praza, que se realiza a través da web ​www.coruna.gal/cmix​, comeza o vindeiro mércores, 15 de maio, e remata o 22 deste mesmo mes.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Os campamentos desenvolveranse de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no polideportivo de Labañou e haberá dúas quendas, do 1 ao 12 de xullo a primeira e do 15 ao 26 segunda. As e os asistentes, organizados por grupos de idade, participarán en actividades lúdicas como xogos de rastrexo e de pistas, de orientación e ​geocaching​, ademais doutras relacionadas co medio ambiente, como obradoiros de elaboración de xogos con material de refugallo, roteiros pola contorna natural ou de coñecemento e recollida de algas. Tamén haberá propostas multideportivas e no medio acuático, como iniciación ao snorkel, tiro con arco, kaiak e outras iniciativas de deporte alternativo.

Para facilitar o desprazamento das mozas e dos mozos ás instalacións, a Concellería habilitará un autobús que realizará un itinerario de ida e volta con paradas pola cidade –Os Castros, Catro Camiños, praza de Ourense, Monte Alto, Riazor e Polideportivo de Labañou–, cuxo percorrido definitivo establecerase nunha xuntanza coas persoas participantes. Este transporte tamén será gratuíto para as mozas e mozos.

Cada persoa que realice a solicitude de praza terá asignado un número para o sorteo das mesmas, que se realizará o día 28 de maio. Dous días despois, o 30, publicarase no portal do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) a relación de persoas admitidas, ás que se lles adxudicará unha queda. Tamén se habilitará unha listaxe de agarda en cada un dos campamentos.

Como último paso, as persoas admitidas deberán confirmar a súa praza a través do envío dun correo electrónico á dirección ​xuventude@coruna.es entre os días 3 e 5 de xuño. No caso de non envialo no prazo establecido, a partires do día 6 de xuño asignaranse a praza á seguinte persoa da lista de agarda. Unha vez remate este proceso, a Concellería realizará unha reunión informativa coas familias ou persoas responsables das e dos participantes, que terá lugar o martes 11 de xuño, ás 21.00 horas no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX), situado na rúa Matadoiro, 68.

A %d blogueros les gusta esto: