coruna 11th enero 2019

A Concellería de Xustiza Social incrementa en 2.550 as horas de atención ao ano no contrato SAD I de axuda no fogar, cuxas bases “garanten unha mellora nas condicións do servizo e dos dereitos do persoal”

by Victor Lamela

​A Concellería de Xustiza Social e Coidados reforza a atención de axuda no fogar na licitación do novo contrato para o lote 1 de Servizo de Atención a Domicilio (SAD I), que vén de iniciar o procedemento aberto de contratación cun incremento de 2.550 horas anuais de asistencia, que poderán ser melloradas nas ofertas, e un orzamento anual de licitación de 1,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 140.000 euros respecto ao anterior. O servizo, que será adxudicado por dous anos con posibilidade de prórroga na súa prestación ata un máximo de dous anos máis, chegará a 266 persoas. A edil responsable do departamento, Silvia Cameán, salienta que, con este novo contrato, “tamén se garante que a empresa que resulte adxudicataria sexa a que ofrece as mellores condicións e teña acreditada solvencia, non só económica e financeira, senón tamén técnica, na prestación do servizo, que afecta ao día a día de colectivos moi vulnerables da cidade”. “No servizo do SAD I reforzarase a ne​cesidade de evitar a rotación do persoal no domicilio, o que inflúe directamente na calidade e no trato dos e das pacientes, e mellórase en xeral a descrición dos servizos que teñen que prestar ao Concello, o que permite ao Goberno local asegurar un maior control sobre a súa prestación”, explica Cameán. Neste sentido, os criterios de valoración teñen especial peso no seu apartado técnico, no que se valora dende os procesos de xestión e intervención, a organización dos recursos humanos e tamén os técnicos e materiais e a avaliación e mellora na calidade de intervención. O servizo de axuda no fogar, que prestan na actualidade catro empresas, atende a máis de 1.500 persoas na cidade e que reciben máis de 400.000 horas anuais de atención.

Tal e como indica a concelleira, os criterios do novo contrato permitirán valorar situacións “que lle dan valor engadido e que aumentan a calidade do servizo” como son os protocolos de detección de casos vulnerables, as condicións de contratación e organización do persoal ou as medidas de mellora permanente de atención, entre outros aspectos. A posta en marcha hai un mes do novo sistema informático no servizo permite precisamente incrementar o control e o nivel de fiscalización da Concellería de Xustiza Social sobre o cumprimento das bases das licitacións por parte das empresas. ​“O novo contrato fará tamén especial atención ás cláusulas sociais e laborais para asegurar unha correcta seguridade e protección da saúde no traballo, así como a contratación de grupos con especial dificultade de acceso ao mercado do emprego, entre outras”, sinala a concelleira. A empresa concesionaria terá que cumprir co compromiso de contratar segundo o convenio colectivo que aplica en Galicia e se valorará a formación continúa ao persoal. Ademais, as bases establecidas pola Concellería de Xustiza Social e Coidados para este novo contrato do SAD I establece que a empresa concesionaria estará obrigada a incorporar a perspectiva de xénero na execución do servizo, “evitando elementos de discriminación machista tanto no trato como na imaxe”.

O servizo do SAD I está destinado ás persoas maiores con déficit de autonomía e a persoas con diversidade, especialmente nos casos nos que carecen de apoio no seu entorno inmediato. O acceso a este servizo está regulado para persoas que non teñan dereito de atención recoñecido dentro do sistema de dependencia (SAD básico), para aquelas que teñan a súa resolución aprobada dentro deste sistema (SAD Dependecia), ás persoas incluídas no Programa de atención domiciliaria sociosanitaria que requiren unha intervención urxente (SAD urxencia) e, por último, para aquelas persoas que precisen dun apoio para mellorar a relación social e familiar (SAD sociofamiliar).

A %d blogueros les gusta esto: