coruna 07/11/2016

A Concellería de Xustiza Social inicia a próxima semana unha rolda de charlas polos centros cívicos para dar a coñecer a Renda Social Municipal en toda a cidade

by Victor Lamela

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, iniciará o vindeiro mércores, día 9, unha serie de charlas por distintos centros cívicos da cidade para dar a coñecer polo miúdo a Renda Social Municipal, a prestación posta en marcha polo Goberno coruñés para dar axuda a persoas en situación ou risco de vulnerabilidade social –e sen posibilidade de acceder a prestacións como a Risga–, para que poidan dispoñer dunha cobertura para as súas necesidades máis básicas ao tempo que acceden a itinerarios de inclusión activa, e que está aberta a solicitudes desde o pasado 30 de setembro. O obxectivo, salienta a responsable municipal, pasa por “ampliar o coñecemento desta axuda a todos os barrios da cidade, para permitir que calquera persoa que poida ser susceptible de percibila poida ter acceso a ela, e redundar no obxectivo que moveu ao Goberno local a impulsar esta ferramenta, que non é outro que redobrar os esforzos para que todas as veciños e veciños da Coruña teñan as súas necesidades máis básicas cubertas para ter unha vida digna e poder recuperar a súa autonomía vital”.

Deste xeito, desde esta semana e ata finais de mes, a Concellería de Xustiza Social celebrará sesións informativas abertas ao público nunha ducia de centros cívicos da cidade, comezando o mércores día 9, ás 19.30 horas, nos Rosales, para seguir no centro cívico de Mesoiro (día 10, ás 19.30 horas), Os Mallos (día 11, 19.30 horas), NovoBoandanza (día 15, ás 17.30 horas), Cidade Vella (día 16, 19.30 horas), centro cívico de Elviña ((día 17, 19.00 horas), Palavea (día 18, 19.30 horas), Labañou (día 19, 18.00 horas), centro de San Diego (día 23, 19.30 horas), Eirís (día 24, 19.30 horas) e, finalmente, no centro cívico de Monelos (día 25, ás 19.30 horas) e de Monte Alto (día 26, 19.00 horas). A información acerca desta medida e os pasos a seguir para ter acceso a ela xa se pode recabar en cada un dos centros cívicos da cidade, e está dispoñible tamén na web www.rendasocialcoruna.es , onde se detallan todas as características da axuda, así como os requisitos necesarios para ter acceso a ela. De igual xeito, as persoas interesadas poden acudir ás Unidades de Atención Social, ou chamar ao servizo de información telefónica 010.

A %d blogueros les gusta esto: