Ayuntamiento 01/14/2019

A Concellería de Xustiza Social inicia o programa de inclusión ‘Housing First’ con seis vivendas onde as persoas usuarias “poden desenvolver a súa autonomía persoal con apoio profesional”

by Victor Lamela

​O programa de inclusión ​Housing First ​está a desenvolver a fase de acollemento de persoas sen teito, para a que a Concellería de Xustiza Social e Coidados ten dispoñibles seis vivendas. O departamento municipal puxo en marcha no pasado mes de maio esta iniciativa para a atención das persoas que están en situación de rúa no municipio, a través dun convenio de colaboración coa Fundación RAIS e a Asociación Provivienda, que busca favorecer o acceso á vivenda como un paso imprescindible para que as persoas sen fogar poidan recuperar a súa autonomía. “Este programa innovador persegue o no​so obxectivo de que ninguén viva na rúa, un ​compromiso político ineludible na loita contra as desigualdades e a pobreza, que ensaia con Housing First un modelo novo que aposta por empoderar á persoa a través da estabilidade residencial, co que isto significa para a cobertura das súas necesidades básicas e para as súas relacións sociais e familiares”​, explica a concelleira Silvia Cameán.

A metodoloxía do proxecto consiste en poñer a disposición da persoa sen fogar unha vivenda unipersoal, de carácter permanente e incondicional, dende a que poida tomar decisións sobre a súa vida. Para iso, conta tamén cun programa de apoio que lle axuda a acadar as súas metas. “O programa lembra un dereito constitucional que temos todas e todas, como é o dereito á vivenda, sobre o que se lle trata de devolver ás persoas o poder de elección e control sobre as súas vidas, xa que parte do máximo respecto cara á súa independencia e de cara aos seus ritmos. Nesas decisións contan tamén co apoio dun grupo profesional, pero é a persoa quen decide cando e como o utiliza”, indica a edil. A concellería seleccionou seis vivendas para a súa adhesión ao programa e iniciou o proceso de selección das persoas usuarias para cinco delas, do que tres xa concluíron e está previsto que ao longo do mes de febreiro se complete o proceso de asignación, que se fai mediante un contrato de cesión de uso, dos dous pisos que restan. Porén, o obxectivo marcado pola Concellería de Xustiza Social é ampliar o programa ata as 10 vivendas.

Tal e como explica Cameán, os servizos municipais realizaron unha derivación de casos, en traballo coas entidades, para facer a selección das persoas que poden optar a participar neste programa, que está dirixido precisamente a aquelas que presentan unha maior vulnerabilidade, leven máis de tres anos en situación de rúa e teñan aparelladas outras situacións, tanto relacionadas coa súa saúde física ou psíquica como as adicións. A diferencia doutros programas de inserción, en ​Housing First non se emprega a vivenda como garantía para o seguimento dun itinerario de reinserción e a persoa debe solicitar a súa participación na iniciativa, o que deriva en mellores resultados “que en casos nos que se forza á persoa a facer un cambio”.

As persoas que participan no programa deben recibir unha visita semanal de persoal con perfil social para realizar un seguimento e ofrecer apoio no proceso de inclusión, así como respectar as normas básicas de convivencia. ​O programa asume os custos da residencia para as persoas que non teñen ingresos, mentres que cando si dispoñan deles deberán achegar un 30% para o sostemento do programa​.

A %d blogueros les gusta esto: