Fiestas 18th febrero 2019

A Concellería de Xustiza Social organiza de cara ao Entroido unha vintena de actividades infantís nos centros cívicos

by Victor Lamela

Os centros cívicos municipais da cidade organizan unha vintena de actividades dirixidas a público infantil de cara ao Entroido, que se desenvolverán a partir do próximo día 27 e ata e o 9 de marzo, e que permitirán aos pequenos e pequenas acudir cos seus disfraces para gozar da animación musical e dos xogos que se desenvolverán con supervisión de persoal profesional. Ese día 27 terá lugar a primeira das 15 festas de disfraces que a Concellería de Xustiza Social e Coidados prepara para estas datas, dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos. Terá lugar no centro cívico de San Diego, en horario de de 17.30 a 19.30 horas. Ao día seguinte, xoves 28, o centro cívico municipal de Elviña acollerá a súa festa, no mesmo horario, mentres que o 1 de marzo (de 17.15 a 19.15 horas), a celebración trasladarase ao centro cívico dos Rosales. O sábado, 2 de marzo, haberá catro festas de Entroido, no centro municipal Novoboandanza (17.00 a 19.00 horas), no centro cívico de Monte Alto (17.30 a 19.30 horas), no de Feáns (17.00 a 19.00 horas) e no de San Pedro de Visma (18.00 a 20.00 horas)​. ​O luns, 4 de marzo, celebrará a súa festa o centro cívico de Mesoiro, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e nesa mesma data ten prevista a súa celebración o centro do Castrillón (17.30 a 19.30 horas), o centro cívico de Palavea (18.00 a 20.00 horas) e o de Labañou (17.30 a 19.30 horas). O xoves 7, os festexos chegarán ao centro cívico municipal de Eirís, entre as 17.30 e as 19.30 horas, e o venres, 8 de marzo, no mesmo horario, haberá festa no de Monelos. O sábado 9 de marzo terán lugar as últimas dúas citas festivas, no centro cívico municipal da Cidade Vella (17.30 a 19.30 horas) e no dos Mallos (18.00 a 20.00 horas).

As festas teñen carácter gratuíto, pero as persoas que desexen asistir deberán recoller a súa invitación ou anotarse previamente en cada centro cívico no que se vaian realizar. ​As e os menores irán acompañados dunha persoa adulta durante toda a celebración.

Obradoiros

A maiores, a concellería organiza cinco obradoiros de Entroido, tamén de balde, para que nenas e nenos de entre 4 e o 8 anos poidan facer manualidades e crear as súas propias máscaras e antefaces reciclando materiais de refugallo. O primeiro destes talleres terá lugar o 1 de marzo no centro cívico de Pescadores, entre as 17.00 e as 19.00 horas. Ao día seguinte, entre as 11.00 e as 13.00 horas, os pequenos e pequenas que o desexen poderán asistir ao taller do centro cívico de Santa Margarita, ou ben, en horario de tarde, ao que se desenvolverá no centro cívico da Sagrada Familia, entre as 17.00 e as 19.00 horas. ​Por último, o luns 4 de marzo chegará a actividade ao centro cívico da Silva de 11.00 a 13.00 horas e ao centro de Artesáns, no mesmo horario de mañá.

Como nas festas, os obradoiros son de carácter gratuíto pero requerirán de inscrición previa nos propios centros cívicos.

A %d blogueros les gusta esto: