coruna 08/01/2016

A Concellería de Xustiza Social prepara un novo programa de estudos no estranxeiro

by Victor Lamela

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, manifestou este xoves que o seu departamento está a preparar un novo programa de estudos no estranxeiro ao que poidan optar os e as alumnas da cidade. “Despois de que a segunda convocatoria pública para que as empresas optasen a realizar o programa educativo das Bolsa USA quedase deserta, puxemos en marcha, con carácter urxente, un grupo de traballo co obxectivo, de, en breve, poder presentar unha nova proposta de becas de estudos no estranxeiro”, comentou a responsable municipal.

Esta nova oferta de ensino no estranxeiro activarase debido á suspensión, este ano, do programa de Bolsas USA. A concelleira lamentou que o concurso público para levar a cabo o programa de Bolsas USA quedase deserto en dúas ocasións, o que imposibilita, por motivos temporais, levalo a cabo nesta edición. “Na primeira convocatoria de concurso público que realizamos introducimos unha serie de criterios sociais, que até agora non se tiñan contemplado, para ofertar un programa educativo máis xusto, xa que en anos anteriores houbo casos de alumnos e alumnas que resultaron bolseiros, cuxas familias tiñan rendas superiores aos 100.000 euros ano ano”, recordou Cameán. “Ademais de introducir estes novos criterios sociais, ampliamos a contía do contrato, pasando de 312.000 a 400.000 euros (un 28% máis)”, comentou. En concreto, en 2014, o custe total da praza por alumno (tendo en conta a aportación das familias) era de 7.000 euros, mentres que no programa elaborado en 2015, a contía quedaba instaurada en 9.000 euros.

“Á vista destes datos resulta moi sorprendente que só se presentase unha empresa á primeira convocatoria pública, e esta finalmente renunciase a súa participación alegando presións e que, na segunda convocatoria ofertada, a outra única firma que se presentou tamén acabase por rexeitar a adxudicación, neste caso sen alegar ningún motivo”, reflexionou. “Cremos que se houbese algún problema cos pregos de condicións, as empresas os recorrerían na mesa de contratación”, indicou.

Tendo en conta estas circunstancias, “así como o tempo no que nos atopamos”, este ano, o Concello non poderá ofertar ao alumnado dos centros público o programa educativo de Bolsas USA, se ben xa se está a preparar unha nova proposta de estudos de estranxeiro.

“Lamentamos enormemente non poder sacar adiante as Bolsas USA, un programa no que nos esforzamos moito, tanto incrementando a súa contía como introducindo unha serie de criterios sociais para facelo máis xusto”, dixo Cameán, que explicou que a súa Concellería “levou a cabo unha consulta con expertos e expertas da cidade que levan moitos anos traballando en bolsas destas características, e que tamén se amosaron moi sorprendidas coa situación relativa á convocatoria das becas en Estados Unidos”. “Indicáronos que a contía que se ofrecía estaba dentro do mercado e que non entendían as motivacións das firmas para non presentarse ao concurso”, destacou.

Non obstante, Cameán insistiu en que “en breve se presentará a nova proposta de bolsas de estudo no estranxeiro que se está a preparar”.

A %d blogueros les gusta esto: