coruna 16/10/2015

A Coruña acolle á primeira familia refuxiada

by Victor Lamela

Este xoves chegaron á cidade os primeiros refuxiados e refuxiadas dentro do proceso posto en marcha polo Concello da Coruña para converterse nunha Cidade Refuxio, iniciativa que ten logrado un importante apoio social, que se viu reflectido na multitude de ofrecementos de veciños e veciñas. Trátase dunha familia exipcia que se atopa ubicada nunha vivenda municipal xestionada por unha ONG. Polo momento, os integrantes desta unidade familiar están a ser avaliados por persoal competente para coñecer o seu estado físico e emocional, así como tamén a súa situación xurídica. “Estamos actuando coa máxima discreción e, sobre todo, o máximo respecto posible para no crearlles sobresaltos nunha circunstancia tan dura, polo menos até que a situación na que se atopan non estea perfectamente avaliada”, explicou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga.

Esta familia de asilados non será a única que acolla a cidade, que segue adiante co seu proxecto para converterse nunha Cidade Refuxio que poña todos os recursos dispoñibles, tanto de carácter público como privado, a disposición de persoas que están a vivir unha situación de emerxencia social que as obriga a abandonar o seu lugar de referencia. “Seguimos a traballar coas institucións competentes e coas ONG ́s para que A Coruña sexa importante como lugar de acollida”, indicou Fraga, que tamén anunciou que esta previsto que a próxima semana cheguen ao municipio novos refuxiados e refuxiadas, en concreto un cidadán palestino e unha familia de orixe iraquí.

A %d blogueros les gusta esto: