coruna 06/08/2019

A Coruña acolle hoxe, sábado 8, o XXXIII Gran Premio Internacional de Marcha Atlética

by Victor Lamela

​Este sábado, 8 de xuño, celebrarase unha das grandes probas atléticas da cidade, como é a XXXIII edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez. A competición, integrada no calendario da International Association of Athletics Federations (IAAF) e que conta co apoio do Concello da Coruña, desenvolverase sobre un circuíto dun quilómetro situado no centro urbano da cidade, nos Cantóns. O Gran Premio comezará ás 17.30 horas coa proba de 20 km para mulleres. De seguido, ás 17.35 horas, partirá o grupo de mulleres e homes que participen na marcha de 10 km é, ás 19.15 horas, terá lugar a última proba, a de 20 km masculina.

Entre as e os participantes destacan o xaponés Yusuke Suzuki e a chinesa Liu Hong, que actualmente posúen o récord do mundo da proba de 20 quilómetros –Hong conseguiuno na Coruña no ano 2015–. Á cita tamén asistirán Álvaro Martín e María Pérez, medallistas de ouro no pasado Campionato de Europa de Berlín, e Diego García, prata no mesmo torneo.

Ademais do Gran Premio, previamente –contra ás 17.00 horas– celebrarase a 3a edición dunha marcha popular solidaria dun quilómetro e medio, cuxa recadación destinarase integramente á Cociña Económica. Para máis información pódese visitar o web da Federación Galega de Atletismo, ​www.atletismo.gal

A %d blogueros les gusta esto: