coruna 24/11/2016

A Coruña acollerá os días 3 e 4 de decembro a segunda edición do Festival do Bocadillo Gourmet, que “a sitúa dentro do circuíto de grandes cidades gastronómicas do Estado”

by Victor Lamela

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou a segunda edición do Festival Bocata Gourmet Boucatise, que este ano, e debido ao éxito acadado, se desenvolverá ao longo de dúas xornadas, o 3 de o 4 de decembro, no mercado de San Agustín, en horario de 12.00 horas a 18.00 horas. O tamén presidente do Consorcio de Turismo manifestou que a elección da fin de semana da ponte de decembro busca facilitar a achega tanto de veciños e veciñas da cidade como de visitantes, “dado o alto grao de aceptación que están a conseguir os eventos de tipo gastronómico, así como a alta potencialidade da cidade neste sector”. “A nosa aposta é a de dinamizar os mercados municipais e difundir unha imaxe máis turística da Coruña a través dos seus elementos de identidade máis salientables, como é o caso da súa gastronomía”, comentou o edil. “O noso obxectivo, e creo que entre todos e todas o estamos a conseguir, é situar A Coruña dentro do circuíto de grandes cidades gastronómicas de España”, explicou, á vez que recordou que a cidade acollerá máis eventos destas características, como as Xornadas Lacónicas, e, especialmente, o Fórum Gastronómico.

unnamed

Esta segunda edición do Boucatise ten varios obxectivos confluíntes. “En principio, con este festival buscamos apoiar ao sector da restauración e, á vez, facilitar o acceso da cidadanía á oferta gastronómica. Á vez, apostamos por poñer en valor os mercados de abastos, non só como lugar de compra e venda de alimentos, senón tamén como punto de encontro da vida coruñesa” comentou o responsable municipal, que salientou que o Boucatise é un evento propio “que nos permite diferenciarnos”.

O II Festival do Bocadillo Gourmet contará non só con postos onde destacados chefs e locais da cidade ofrecerán os seus bocadillos, senón que durante os dous días de celebración realizará unha serie de showcookings, nos que recoñecidos profesionais do sector analizarán o estado da gastronomía galega e cociñarán en directo os seus mellores platos. Así o sábado tres de decembro, entre as 12.00 horas e as 17.30 horas sucederanse as presentacións de Luis Veira, do restaurante Árbor e da Veira, cunha Estrella Michelín, de Adrián Felipez, do restaurante Miga, de Xoán Crujeiras (Bido) e de Moncho Bargo e Javier Freijeiro, este último de El Huerto. De carácter gratuíto e aberto a todo o público é necesario incribirse de forma previa en www.boucatise.eventrite.com .

O domingo, catro de decembro, entre as 12.00 horas do mediodía e as 16.00 horas terán lugar no mercado de San Agustín os showcookings de Chisco Jiménez (Culuca Cociña Bar), Iván Domínguez (restaurante Alborada, cunha estrella Michelín) e Carlos Pérez, do restaurante Hokuto. Tamén terá lugar, entre as 16.30 horas e as 18.00 horas o II Concurso Bocata Gourmet A Coruña, no que participará estudantado da hostalería da cidade. Os e as participantes elaborarán en directo as súas proposta gastronómicas, que serán valoradas por un xurado composto por exepertos e profesionais da restauración para cometir polo premio ao mellor Bocata Gourmet A Coruña 2016.

Tanto o sábado, como o domingo, e como gran atractivo para o público, San Agustín acollerá o Espazo Bocatas Gourmet, que se desenvolverá como novidade non só na primeira planta do mercado senón tamén na baixa. Os puntos de venda medran con respecto á primeira edición do festival de oito a 12. Os bocadillos gourmet terán un prezo que oscilará entre os tres e os cinco euros.

O Bar Atlántico 57 ofrecerá un bocadillo de salón marinado, tomate seco, rúcula e salsa de iorgut, e outro de agulla de porco braseada con canónigos e cebolla crispi. O Alma Negra, meloso de tenreira, jalapeños, Arzúa e berros, así como Molete de sardiña afumada, codium e tomate. Pola súa parte, o restaurante Boca Negra porá a venda senllos bocadillos de costela de vaca, arzúa e cebolla, e de xurel escabechado. O Cudbe Food Truck, ofrecerá un bocata de polo chasqueante en pan de centeno con mahonesa de cilantro e queixo de Arzúa. O Culuca participa co bocadillo do Príncipe; a Gastroteca co bocadillo Clave de Mar; e La Consentida, cun roliño de polo con migas de bacon e aguacate, e un pan cuberto de manchego ao pesto con chorizo galego. A Malte ofrecerá un Bocathäi, mentres que o Roots Coruña participa cun bao de xamón asado e outro de xarda mariñada. O Pan de Lino ofrecerá unha Flauta cydonia, e un bagel de cordeiro, mentres que o restaurante Miga ofrecerá o seu bocadillo Bolero, e Casa Pardo, cun bocata de tenreira estofada lentamente, ensalada de herbas e mahonesa kimchi.

Os e as cociñeiras empregarán como parte esencial da materia prima dos seus bocadillos productos mercados na propia praza de abastos de San Agustín. O festival contará ademais con barras de bebidas e a actuación de dous dj ́s. Ademais, e na liña de fomentar a conciliación e participación, o Concello habilitará unha zona kids de xogos e unha zona parking de carriños, para aqueles pais e nais que prefiran deixar os carriños das súas crianzas na zona baixa do mercado para moverse con máis facilidade.

A %d blogueros les gusta esto: