coruna 10/01/2016

A Coruña aséntase como destino de congresos e é elixida sede dun encontro de profesionais da investigación no sector dos coidados

by Victor Lamela

A cidade da Coruña vén de ser escollida para acoller entre o 15 e o 16 de novembro deste ano, no recinto de ExpoCoruña, o XX Congreso Internacional de Investigación en Coidados, que pasa por ser un punto de encontro entre profesionais do sector interesados en intercambiar opinións, ideas, dúbidas e proxectos de investigación futuros e actuais. Este evento traerá á Coruña ao redor de 600 profesionais do ramo. O Concello, a través do Consorcio de Turismo, traballou para conseguir que se celebrase dentro do municipio.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou que esta nova cita vén a ratificar a imaxe da Coruña “como unha cidade que se está a especializar e a converter nun destino de congresos”. “Dende o Consorcio de Turismo farase especial fincapé neste concepto, xa que cremos que a nosa cidade pode ser un referente”, indicou o responsable municipal.

O titular de Emprego destacou, ademais, que o Congreso Internacional de Investigación en Coidados terá lugar nun momento de tempada baixa, “polo que tanto a hostalería como os hoteis da cidade tamén se beneficiarán deste evento que traerá a profesionais de todo o Estado español e doutros países á cidade”.

Por último, Lema quixo agradecer ás e aos profesionais de enfermería da Coruña o traballo e a axuda prestada para lograr que este congreso se desenvolva na cidade, o que contribuirá a xerar actividade económica.

A %d blogueros les gusta esto: