coruna 8th noviembre 2018

A Coruña, xunto a 12 concellos do Estado, reclama ao goberno central que “achegue decontado os recursos necesarios e urxentes para que os municipios poidan garantir unha acollida digna das persoas migrantes”

by Victor Lamela

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, solicitou no Congreso que o executivo central achegue aos municipios os recursos necesarios para poder afrontar e garantir a xestión dunha acollida digna para as persoas migrantes, refuxiadas ou solicitantes de asilo, así como axustar os protocolos de recepción nos puntos de chegada. “As cidades xa somos acolledoras. Xa somos refuxio. Pero queremos facelo dun xeito axeitado e digno para as persoas que así o solicitan. Precisamos solucións reais, urxentes e inmediatas ante esta situación de emerxencia social”, aseverou Fraga.

A concelleira participou hoxe, no Congreso, nunha xuntanza da Rede de Cidades Refuxio, da que A Coruña é membro, xunto a Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Granada, Valladolid, Girona, San Sebastián, Cádiz, Terrasa, Palma e Sant Boi de Llobregat. O encontro tiña como obxectivo analizar, desde o punto de vista municipal, da situación de acollida así como dos recursos necesarios de cara a poder garantir unha acollida digna. A este respecto, a Rede concluíu que cómpre dispor dun maior número de recursos así como de financiamento para poder mellorar e dignificar a acollida, especialmente de cara os vindeiros meses, coincidindo co inicio do inverno. En consecuencia, as e aos representantes das cidades trasladaron á Secretaría de Estado de Migracións do goberno do Estado unha serie de demandas concretas para poder asegurar unha atención axeitada das persoas migrantes e solicitantes de asilo nos municipios.

Así, os concellos esixen ampliar e reforzar os protocolos de recepción nos puntos de chegada, reducindo deste modo os prazos da tramitación de solicitude do programa estatal de refuxio, e crear un protocolo de comunicación entre a Secretaría de Estado de Migracións e as cidades de acollida para poder coñecer, con antelación, os fluxos migratorios; ademais de contemplar a xestión multinivel das políticas de acollida, xerando espazos de coordinación entre o goberno do Estado, as comunidades autónomas e as administracións locais.

A Rede tamén solicita ao executivo central o restablecemento do Fondo de Acollida e Integración da Inmigración para os municipios, suspendido no ano 2011 polo goberno do Partido Popular, “o que permitiría dotar aos Concellos dos recursos e ferramentas necesarias para poder ofrecer solucións dignas ás demandantes”, apunta Fraga, así como reforzar os recursos das oficinas de asilo e estranxeiría para acabar coas listas de espera e poder ofrecer así unha maior dispoñibilidade para a atención axeitada das usuarias. Por último, as e os responsables municipais solicitan flexibilizar o acceso a permisos de residencia e de traballo para todas aquelas persoas que viven nas cidades en situación irregular e que están plenamente integradas, así como as solicitantes de asilo coa petición rexeitada.

A %d blogueros les gusta esto: