coruna 27/03/2020

A Deputación abre en Sabón un punto de apoio a camioneiros

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña instalou esta mañá na súa parcela situada á entrada ao polígono industrial de Sabón (Avenida da Deputación, Parcela 3) un punto de apoio a transportistas e camioneiros, na que estes profesionais disporán de duchas e lavabos para poder asearse.

A medida pretende ser un pequeno apoio ante a difícil situación que vive o colectivo, que segue traballando a pleno rendemento, ante o peche de establementos de hospedaxe e hostelería, así como determinadas áreas das estacións de servizo.

A instalación comprende dúas casetas cun total de 5 duchas e 5 lavabos, 3 delas para uso masculino e dous para uso femino. As instalacións contarán cun servizo de limpeza e desinfección varias veces ao día e servizo de seguridade permanente.

O presidente da Deputación, Valentín González Fomoso, destacou que a iniciativa pretende “facilitar o traballo dun colectivo tan esencial como o dos transportistas, que están dando o mellor de si para que podamos dispor de mascarillas, de material médico, de alimentos e de todo tipo de suministros de primeira necesidade que precisamos para loitar contra o coronavirus”.

González Formoso agradeceu tamén a colaboración “dende o primeiro momento” do Concello de Arteixo e do seu alcalde, Carlos Calvelo, que faciltou en todo momento a posta en marcha da instalación e colaborou para que os camións podan estacionar nunha parcela contigua mentres os profesionais fan uso das novas instalacións.

O presidente provincial remitiu hoxe unha comunicación ás empresas do polígono de Sabón e Asociacións de Transportistas nas que lles comunica a posta a disposición das instalacións e lles agradece “o gran esforzo que están a facer” durante esta crise.

 

Valentín González manifestou o seu desexo de que a iniciativa sexa útil para camioneiros e instou a replicar a iniciativa noutros puntos da provincia para facilitar a importante labor que están facendo estes profesionais.

A %d blogueros les gusta esto: