coruna 21st marzo 2019

A Deputación abre o prazo de presentación de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2019)

by Victor Lamela

O Boletín Oficial da Provincia publica a convocatoria de axudas das liñas de axuda do Plan de Emprego Local (PEL) para a anualidade 2019, dirixidas a pequenas, medianas empresas, microempresas e autónomos/as. O prazo de presentación de solicitudes abrirase mañá xoves, 21 de marzo,e remata o día 22 de abril de 2019, ás 14:00h.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo das axudas “é contribuír á consolidación e fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña, axudando ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores na creación de emprego e no financiamento de investimentos e actividades”.

González Formoso destacou que é o terceiro ano que se convocan estas liñas de axudas, que en 2019 suporán un investimento de 5.260.000 euros, dos que 3 millóns se destinan a subvencionar a contratación de traballadores/as e 2,26 millóns a financiar novos investimentos en actividades en empresas de recente creación.

PEL-PEMES subvenciona ata o 75% na contratación de persoal

A liña PEL-PEMES subvencionará ás pemes situadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 75% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador/a contratado/a, ata un máximo de 16.500 euros anuais.

O período de contratación subvencionable abarca desde 1 de xaneiro de 2019 e ata un máximo de dous meses posteriores á data de concesión das axudas.

Habilítase tamén unha liña PEL-PEMES Mantemento, que subvencionará as contratacións laborais indefinidas das entidades subvencionadas na convocatoria anterior do programa, de maneira que os beneficiarios da convocatoria anterior poidan optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2018 durante 12 meses máis, financiándose o 50% do soldo e seguridade social cun importe máximo da axuda de 11.000 euros.

PEL-Emprende, axudas para investimentos e actividades

Na liña PEL-Emprende Investimento financiaranse a realización de investimentos en bens inventariables novos e necesarios para o desenvolvemento da actividade en empresas cunha antigüidade máxima de 5 anos.  As axudas cubrirán ata o 80% do investimento, cun máximo de 20.000 euros de axuda a fondo perdido, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, utillaxe, mobiliario e equipos para procesos de información.

Na liña PEL-Emprende Actividades contémplanse axudas para subvencionar as actividades e/ou actuacións no desenvolvemento da iniciativa empresarial nos ámbitos de Responsabilidade Social Empresarial, Marketing, comunicación, competitividade e expansión  en empresas cunha antigüidade máxima de 10 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do orzamento da actividade, cun máximo de 4.800 euros.

Os investimentos e as actividades subvencionadas nas liñas PEL Emprende, deberán ser realizadas no período comprendido entre 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

O orzamento increméntase este ano en 1 millón de euros

A Deputación da Coruña amosa, unha vez máis,  a súa aposta pola creación de emprego aumentando o orzamento nestas liñas en 1.000.000 de euros respecto á convocatoria de 2018, polo que agarda que teña tan boa acollida polas empresas do territorio provincial. Na convocatoria de 2018 foron recibidas un total de 2.260 solicitudes.

É preciso destacar que se segue valorando con maior puntuación a presenza feminina e a de persoas con diversidade funcional na participación do capital das empresas e como novidades principais das liñas 2019 pódense destacar as seguintes:

  • Valoraranse cunha maior puntuación as empresas enmarcadas na economía social como as cooperativas e sociedades laborais.

 

  • Outorgarase unha maior puntuación a aqueles solicitantes que non tiñan sido beneficiarios na convocatoria anterior co obxectivo de poder chegar a máis empresas do territorio.

 

  • Tamén se valorarán especialmente aquelas empresas enmarcadas nas actividades económicas consideradas con mellores perspectivassegundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego (EEAE 2017-2020). Como son as de Hostalería e turismo, recuperación do comercio polo miúdo, comercio por xunto, transporte e loxística, educación, sanidade, servizos sociais, servizos avanzados ás empresas…

 

A solicitude das axudas só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. Todos os anexos requiridos para a presentación das candidaturas poderán ser descargados na plataforma SUBTeL, na sección correspondente ás diferentes convocatorias.

O prazo de presentación das solicitudes abrirase mañá día 21 de marzo e se pechará o día 22 de abril de 2019, ás 14:00h.

Pode consultar as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia nº 45 do día 6 de marzo de 2019 e na páxina web da deputación da Coruña https://emprego.dacoruna.gal.

A %d blogueros les gusta esto: