coruna 1st julio 2018

A Deputación achega 1.500.000 euros para financiar a Orquestra Sinfónica de Galicia

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña achega 1.500.000 euros ao programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia e promove que haxa actuacións en distintos concellos da provincia. Este investimento supón o 70,75% do total, que ascende a 2.120.000 euros.

Ademais da Coruña, onde ten a súa sede, as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia visitarán con concellos como Santiago de Compostela, Ferrol, Sada, Betanzos, Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo. Que a programación da OSG chegue a distintos concellos e contribúa á difusión da música clásica no territorio é un dos puntos recollidos no convenio aprobado por unanimidade no pleno deste venres.

O acordo recolle actividades como a Tempada da Orquestra Sinfónica de Galicia na Coruña con 21 concertos de abono dos venres, nove concertos de abono dos sábados e concertos extraordinarios.

A Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizará tamén un concerto en Santiago, catro en Ferrol, un en Sada e un en Betanzos. Pola súa banda, a Orquestra Nova ten xa pechados un concerto en Ferrol e outro na Coruña. Ademais están por determinar as actuacións noutros concellos da provincia da Orquestra de Nenos e do Coro Novo e os Nenos Cantores. No referente ás datas dos Coros da OSG están por determinar e o que si está previsto son catorce actividades, entre concertos en familia e concertos extraordinarios, en diversos colexios da provincia da Coruña.

O Consorcio para a Promoción da Música ten por obxecto a promoción da cultura a través da música, facilitar o acceso da cidadanía á música de calidade e mellorar o ensino musical e a formación das novas xeracións de intérpretes. Para conseguir estes fins, o Consorcio xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Xoven, a Orquestra de nenos e os coros.

Consciente da súa importancia, a Deputación da Coruña, a través das vías de colaboración, promove que o Consorcio amplie as súas actividades fóra da cidade da Coruña, levando a OSG a Sada por primeira vez, volvendo a Betanzos e traballando con Concellos como Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo para organizar concertos en función da dispoñibilidade de espazos e auditorios.

 

Unanimidade pola regulación da Educación Social

A totalidade das formacións políticas que integran a Deputación da Coruña instaron esta mañá á Xunta de Galicia a regularizar a profesión da Educación Social ao través dunha lei galega que defina e normalice a situación de profesionais do sector.

A iniciativa contempla que trasladar á Xunta de Galicia a necesidade de normalizar a profesión da Educación Social, ao tempo que lle solicita o desenvolvemento dunha Lei de aplicación estatal, ao Ministerio de Sanidade.

No texto sublíñase que é preciso “regular, dignificar e reivindicar” unha profesión que “ten un importante papel na sociedade como axente de cambio”, e que, así mesmo, posúe “unha grande relevancia no ámbito dos Servizos Sociais”.

Neste sentido, apunta que a falta dun texto normativo “non permite definir con claridade cales son os límites e o alcance da acción da Educación Social”, unha situación “que pon de manifesto a necesidade de regular” unha profesión que adquiriu rango universitario en 1991.

A %d blogueros les gusta esto: