Conciertos 01/17/2019

A Deputación convoca dez liñas de axuda dotadas con máis de catro millóns de euros para apoiar o sector cultural

by Victor Lamela

Axudas para actividades e investimentos de entidades e agrupacións de cultura tradicional e popular, apoio a festivais organizados por concellos e entidades, subvención para o mantemento de conservatorios e escolas de música e danza dos concellos, e dúas convocatorias destinadas a empresas audiovisuais e proxectos singulares do sector privado son as dez liñas de axuda que a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca cun orzamento de 4.175.000 €. O prazo de presentación de propostas remata o vindeiro 15 de febreiro.

O BOP deste mércores 16 de xaneiro recolle a publicación de dez liñas de axudas en concorrencia competitiva da área de Cultura da Deputación da Coruña destinadas a entidades sen ánimo de lucro, concellos e empresas do sector que terán case un mes para presentar as súas iniciativas. En total son máis de catro millóns de euros que se destinan a dotar orzamentariamente o mapa de subvencións da área de Cultura que se completará proximamente coa publicación de dúas convocatorias para concellos que teñen como motivo a contratación de persoal técnico en xestión cultural e animación sociocultural e de atención a museos e centros de interpretación.

O mapa das liñas de axuda en concorrencia competitiva debuxa o impulso da área de Cultura á dinamización e afortalamento do sector, de maneira especial, das entidades sen ánimo de lucro que optan a subvencións transparentes e con criterios obxectivos claros”, destaca a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Neste sentido, explica que a creación das novas liñas que se incorporaron nos últimos anos supoñen a “eliminación da discrecionalidade e a garantía de que as entidades poden concorrer ás liñas que se adecúan as súas necesidades e natureza, completando ese mapa que sitúa á Deputación da Coruña á cabeza dun modelo de xestión que elimina o clientelismo e confía e se pon á beira do traballo de entidades e fundacións que son tan importantes para a creación e promoción da nosa cultura”.

As entidades sen ánimo de lucro poderán presentarse así á convocatoria para actividades culturais e tamén á de investimento, para as que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina 1.000.000 e 300.000 € respectivamente. Nestas dúas liñas de axuda contémplanse catro modalidades de entidades, as culturais, veciñais, socioeducativas e social e/ou asistencial. O importe que se ha subvencionar é de 1.000 a 30.000 € no caso de actividades e de 1.000 a 20.000 € no de investimentos.

As entidades ou fundacións que sexan titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas ou desenvolvemento de actividades culturais optarán a unha convocatoria específica dotada con 465.000 € que subvencionará con cantidades de 1.500 a 30.000 €.

Pola súa banda, corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato contan tamén con dúas liñas de axuda, unha para actividades dotada con 480.000 € que se distribuirán en achegas de 1.000 a 30.000 € e outra para investimentos de 195.000 € con 1.000 como mínimo e 15.000€ como máximo.

 

Un millón de euros para festivais

A área de Cultura da Deputación da Coruña volve nesta edición superar o millón de euros destinado ao apoio de festivais, reservando 500.000 para os organizados por entidades sen ánimo de lucro que recibirán apoio de ata 60.000 € e sumando 550.000 máis para subvencionar os organizados polos concellos que poderán recibir ata 100.000 € por evento.

Concellos e entidades locais contan tamén cunha axuda de 360.000 € da Deputación da Coruña co obxectivo de apoiar o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza musicais que recibirán axudas de até 20.000 € no caso de conservatorios e até 10.000 € para as escolas.

 

Dúas liñas para empresas do sector

Ás liñas ás que poden concorrer concellos e asociacións súmanse desde o pasado ano dúas novas convocatorias ás que poden concorrer empresas do sector cultural. Unha delas, dotada con 200.000 €, apoia proxectos singulares de especial interese cultural mentres a outra, que conta cun orzamento de 125.000 €, busca apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega par parte de empresas do sector.

A convocatoria pode consultarse no BOP: http://bop.dicoruna.es/bopportal/cambioBoletin.do?fechaInput=16/01/2019

A %d blogueros les gusta esto: