coruna 23/05/2020

A Deputación da Coruña agradece o gran traballo das agrupacións de Protección Civil da provincia durante a pandemia

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña agradece o “gran traballo” realizado polas agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña durante a crise da Covid-19 e prepara, en canto a situación o permita, “un acto público de recoñecemento a todos os voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si mesmos durante a pandemia”.

Así llo trasladaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Promoción Económica, Blas García, aos responsables dunha vintena de agrupacións da provincia e da Asociación Provincial de Protección Civil cos que mantiveron unha reunión telemática.

González Formoso interesouse polas distintas actividades que realizaron durante esta crise, dende a desinfección de espazos públicos ao reparto de material; polo incremento do número de voluntarios que se rexistrou en moitos municipios, así como polas necesidades principais das agrupacións en canto a recursos ou material.

Blas García, que ademais de deputado é voluntario de Protección Civil, lembrou que a Deputación traballa nunha liña de axudas para que as agrupacións de concellos de menos de 50.000 habitantes podan dotarse de motocicletas, bicicletas ou equipos de comunicacións, aos que poderían sumarse equipos de rescate e salvamento acuático.

Na reunión, ademáis da Asociaciñon Provincial de Protección Civil, participaron representantes das agrupacións de Vedra, Cerceda, Mazaricos, Pontedeume, Cedeira, Ferrol, Coristanco, Fene, Valdoviño, Betanzos, Oroso, Dumbría, Muros, Santiago, Negreira, Ames, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Boqueixón, A Laracha, Abegondo e Ortigueira.

A %d blogueros les gusta esto: