Uncategorised 08/08/2019

A Deputación da Coruña apoia a mostra Alfaroleiros que chega a súa XXV edición

by Victor Lamela

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas Brión, participou na inauguración da XXV edición de Alfaroleiros que se desenvolve do 7 ao 11 de agosto en Santa Cruz. No acto interveu o tamén deputado e alcalde de Oleiros, Angel García Seoane.

Dos días 7 ao 11 de agosto e de 10.00 a 22.30 horas desenvolverase en Santa Cruz unha nova edición da mostra Alfaroleiros que, desta volta, chega a súa XXV convocatoria co apoio da Deputación da Coruña.

No acto de presentación, o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas Brión, referiuse á olaría como parte da “identidade do concello, do seu propio nome” e defendeu o traballo artesanal como un valor engadido para unha sociedade que ten que recuperar o valor do feito a man.

“Desde a Deputación da Coruña comprácenos apoiar esta mostra de olaría que forma parte da promoción económica, da oferta turística e da cultura de Oleiros”, sinalou ao tempo que lembrou a necesidade de promover a dignificación da artesanía con iniciativas como o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña.

Ao se referir ao cuarto de século de historia da mostra, Xosé Lois Penas anotou que, ademais de tradición e pasado, “a olaría ten futuro, é parte do noso produto interior bruto, materia especial para a promoción económica, atractivo turístico de especial relevancia” e defendeu unha volta “aos valores da olaría, o feito a man, con materiais

da terra, sinxelos, ás pezas con vida que falan do seu autor ou autora, a dedicarlle tempo ao que realmente importa, ao ritmo á medida do ser humano”.

“En espazos coma este fica á vista a singularidade do  traballo dos alfareiros e alfareiras, a autenticidade do feito a man, coa sabedoría da tradición. A olaría é parte da nosa identidade, é saber do pobo que se transmitiu a través das xeracións. Cando un neno ou nena, como acontece cada ano en Alfaroleiros nas actividades paralelas, mergulla as súas mans no barro está a falar con séculos de tradición, está a partillar dunha cadea que non podemos deixar romper, porque forma parte de nós mesmas, da nosa forma de ser e expresarnos no mundo”, sinalou o deputado.

A %d blogueros les gusta esto: