coruna 11/27/2018

A Deputación da Coruña asiste como entidade convidada ao Culturgal

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña é a entidade convidada á XI edición de Culturgal, a Feira das industrias culturais que converte o Pazo da Cultura de Pontevedra no maior escaparate da produción cultural galega, cun amplo programa de actividades que van desde presentación de libros a espectáculos ou outras propostas que mostran o máis actual da nosa cultura. . Presentación de libros e actividades, obradoiros e proxeccións, actuacións e unha exposición de mulleres artistas do patrimonio da institución son algunhas das actividades do programa que desenvolve a Deputación da Coruña no Culturgal.

Nunha feira na que participan 80 casetas institucionais e de empresas culturais que conta cun programa máis de 120 actividades, a Deputación da Coruña terá unha presenza destacada, tanto no espazo expositivo como na programación da feira, ao ser escollida como entidade convidada á nova edición do Culturgal.

“Ser entidade convidada ofrécenos a posibilidade de mostrar con maior forza a actividade que está a desenvolver a Deputación da Coruña e achegala ao público que é o protagonista do Culturgal”, sinala a vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín que quere mostrar tamén o seu apoio á organización da feira, “verdadeiro escaparate para a nosa cultura”.  Pola súa parte, o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, considera que “a colaboración especial desta nova edición no Culturgal é para nós unha oportunidade excepcional para mostrar a relevancia que a Cultura e o Turismo teñen na acción de goberno da Deputación da Coruña e achegar dunha maneira directa os nosos programas aos milleiros de persoas que cada ano se achegan á feira, por outra parte, un público interesado e con ganas de coñecer as novidades destes ámbitos”.

Os posto da Deputación da Coruña, de dimensións maiores que nas anteriores edicións, disporá dun deseño moi visual que acollerá unha galería de libros e un espazo de lectura ademais de toda a información sobre os principais programas que están a desenvolver as áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio e Lingua. A natureza é a protagonista do deseño que mostrará novos materiais informativos de iniciativas como o turismo desde a escola, o apoio a festivais ou os xeoparques do Plan de Patrimonio. Ademais, o photocoll do concurso de música infantil Quero Cantar convidará a crianzas e maiores a se retratar coa famosa ra nun evento que contará co primeiro concerto do grupo gañador na categoría xuvenil da nova edición  Pequenos Besbellos, de Pontevedra, e a banda que quedou de segunda en infantil, Os Calistos de Teo.

O  programa incluirá tamén a presentación das novelas gañadoras dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa, presentados polo autor e autora, Antonio Piñeiro e Marilar Aleixandre, o editor Francisco Castro e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei nun sábado en que o Espazo Carpa acollerá o concerto dos grupos do Quero Cantar.

Pola tarde, o documental “Tecido Resistente” de Marina Chiavegatto, gañador dun dos premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña, proxectarase no Salón de Actos xusto antes de que a directora participe xunto con Goretti Sanmartín e Silvia Seixas nunha conversa sobre políticas culturais para a igualdade de xénero no Espazo Foro. Ao longo de toda a xornada, a debuxante Bea Lema, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada polo seu libro “O corpo de Cristo”.

Para o domingo día 2 de novembro a Deputación da Coruña incluirá na programación do Culturgal a presentación do acto público artístico sobre a recuperación do Pazo de Meirás coa participación de Goretti Sanmartín e o coordinador Artur Trillo.

 

Artistas de Colección

Ao longo dos tres días da feira, a Deputación da Coruña terá aberta no Espazo Arte unha exposición comisariada por Rosario Sarmiento con obra de vinte mulleres artistas da súa colección.  Ana Soler, Maruja Mallo, Tatiana Medal, Fina Mantiñán, Soledad Penalta, Almudena Fernández ou Berta Cáccamo son algunhas das artistas que recolle a exposición que reunirá por vez primeira fondos de autoría feminina do patrimonio da Deputación da Coruña.

 

Programa de Actos

Sábado 1

11: 00 – 12:00: Presentación da plataforma de préstamo dixital e do club de lectura dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña. ESPAZO FORO.

12:00-12:30: Presentación dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Goretti Sanmartín, Francisco Castro e Antonio Piñeiro. ESPAZO LIBRO.

12:30-13:00: Concerto cos grupos gañadores do Quero Cantar 2018 . ESPAZO CARPA.

12:00 /17:00/18:30: Obradoiros de Banda Deseñada. Bea Lema. Previa inscrición en info. da feira. AULAS.

18:00- 19:00: Proxección do documental “Tecido Resistente” de Marina Chiavegatto. SALÓN DE ACTOS.

19:00-19:30: Conversa sobre políticas culturais para a Igualdade de xénero.  Goretti Sanmartín, Marina Chiavegatto e Silvia Seixas. ESPAZO FORO.

 

Domingo 2

17:30-18:15: Presentación do acto público artístico sobre a recuperación do Pazo de Meirás.  Goretti Sanmartín e Artur Trillo. ESPAZO FORO

 

Do 30 de novembro ao 2 de decembro: Exposición “ DAC. Artistas Mulleres de Colección. Fondos do Patrimonio da Deputación da Coruña”. ESPAZO ARTE CONTEMPORÁNEA.

Máis información en www.cultur.gal,

A %d blogueros les gusta esto: