A Deputación da Coruña ilumínase de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer

A Deputación da Coruña súmase hoxe aos actos en prol da concienciación sobre o alzheimer. A Organización Mundial da Saúde (OMS) instituíu nesta data o Día Mundial do Alzheimer, co obxectivo de dar a coñecer a enfermidade, difundir información e acadar o apoio das institucións e organismos públicos e privados, así coma da sociedade en xeral.

Para evidenciar o seu apoio, a sede da Deputación iluminarase esta noite de cor de morado. Trátase da cor asociada á loita contra esta enfermidade dexenerativa, que padecen máis de 70.000 persoas en Galicia.

Outros emblemáticos edificios coruñeses, coma a Torre de Hércules ou o Castelo de Santa Cruz, xa se uniron en edicións anteriores a esta iniciativa internacional. Algúns dos lugares máis recoñecidos a nivel mundial, como o Empire State ou a Torre Eiffel tamén adoitan iluminarse de morado coma mostra de apoio aos enfermos e familiares.

Alzhéimer hoxe mañá será tarde’ é o lema elixido este ao pola Federación Alzheimer Galicia (Fagal) para acompañar as actividades organizadas en torno a este 21 de setembro, entre as que destaca a publicación dun manifiesto ao que se suman 15 asociacións.

Outorgar prioridade ao Alzhéimer no sistema sanitario, recoñecer os tratamentos non farmacolóxicos, crear estudos epidemiolóxicos e reforzar o apoio político, institucional e económico son algunhas das principais reclamacións.