coruna 02/08/2020

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos de asistencia a menores á Xunta de Galicia

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña iniciará as xestións para transferir os seus centros educativos e asistencias de menores ás consellerías de Educación e Asuntos Sociais da Xunta de Galicia e, mentres duren as negociacións, demanda un novo convenio que garanta a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos destes centros. Así o aprobou hoxe o pleno da Deputación cos votos a favor de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular.

A pesar de que goberno galego ten competencias plenas en materia de ensino e servizos sociais, a Deputación da Coruña ten a titularidade de dous centros de ensino secundario e Formación Profesional e de centros como o Fogar Infantil da Coruña e o Centro de Día de Menores de Ferrol  aos que destina cada ano un total de 14.055.116,6 € dos seus orzamentos, fronte a unha achega da Xunta de 898.902 euros.

Estes son os datos nos que se basea a moción presentada polo Goberno da Deputación, integrado por PSdG-PSOE e BNG, que propón iniciar a transferencia dos centros educativos e asistenciais e, mentres se desenvolven as negociacións, formalizar un novo convenio que garanta por parte da Administración autonómica a transferencia de fondos necesarios para cubrir os custos dos centros.

A moción, que foi aprobada no pleno de hoxe cos votos a favor de PSdG-PSOE, BNG, Alternativa de Veciños e Marea Atlántica e a abstención do PP, afecta ao Instituto de Ensino Secundario Puga Ramón, o IES-Residencia Calvo Sotelo, o Conservatorio profesional de Danza eo Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña e tamén ao Centro de Día de Menores de Ferrol.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, indicou que o feito de a Deputación manteña a titularidade destes centros “supón un anacronismo histórico” e lastra económicamente, ano tras ano, os orzamentos da institución en detrimento dos concellos. “Son máis de 14 millóns de euros temos que dedicar cada ano a financiar servizos esenciais, pero impropios dunha Deputación”, afrimou o presidente, que se mostrou disposto a “negociar coa Xunta” un marco de financiamento durante un prazo determinado, sempre e cando a administración autonómica asuma uns centros que son da súa competencia.

“Mantemos dous institutos, un conservatorio, un fogar infantil e un centro de menores, con custos desorbitados tratándose de competencias impropias que teñen que ser asumidas pola administración autonómica”, sinalou tamén o portavoz do PSOE, Bernardo Fernández que apelou “responsabilidade institucional para que a Xunta xestione as súas propias competencias”

A voceira do BNG, María Muíño insistiu en que a educación e os servizos sociais son competencia da Xunta de Galicia e “falamos duns orzamentos de máis de catorce millóns cando non achega nin un deles para o seu mantemento” e apuntou tamén que se velará nas negociacións por “garantir os postos de traballo e os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras dos centros”.

Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica votaron tamén a favor da iniciativa, mentres o PP se abstivo argumentando que o goberno provincial “non quere ningunha competencia e si que desaparezan as deputacións”

A %d blogueros les gusta esto: