coruna 21/02/2021

A Deputación da Coruña investirá este ano preto de 8 millóns de euros no Plan de Conservación de Vías Provinciais

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña investirá este ano 7.902,029,66 euros no Plan de Conservación de Vías Provinciais. O plan vén de ser aprobado na Comisión de Vías e Obras e será ratificado polo pleno provincial do vindeiro día 26.

“O programa contempla a execución de traballos de mantemento, reparación do firme e pavimentación nos máis de 2.100 quilómetros de estradas cos que conta a rede viaria da Deputación. Todas estas actuacións están destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria e reducir a siniestralidade nas estradas da provincia”, explicou o deputado titular da área de Vías Provinciais, José Manuel Pequeño.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodadura (55%) e renovación da sinalización vertical e horizontal (20,5%), mentres que a apertura e limpeza de cunetas suporá preto do 8% dos investimentos e a instalación de defensas viais u obras de drenaxe, un 6% cada unha, respectivamente.

Ademais do Plan de Conservación, o servizo de Vías e Obras da Deputación ten conta cun plan destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, no que inviste anualmente preto de medio millón de euros. Dende 2017, as rozas das estradas provinciais son obxecto dun contrato independente do Plan de Conservación, co obxectivo de mellorar e axilizar este servizo no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas varias veces ao ano, para mellorar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e facilitar a drenaxe de augas pluviais.

 

4.000 euros por quilómetro

Os programas de Conservación e de rozas das estradas provinciais  suman un investimento duns 4.000 euros anuais por quilómetro, “un dos máis elevados dos que realizan as administracións públicas en conservación de estradas”, apunta o deputado José Manuel Pequeño, que entende que “o mantemento dos viais nas mellores condicións é tan importante como a construción de novas infraestruturas”.

A %d blogueros les gusta esto: