Deportes 10/03/2019

A Deputación da Coruña leva a mil nenas e nenos da provincia ao partido da selección española feminina en Riazor

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña distribúe estes días un total de 1.000 entradas para o partido internacional que este venres, 4 de outubro, a partir das 21.30 horas, disputarán no estadio municipal de Riazor a selección española de fútbol feminino e a selección de Azerbaiyán.

Segundo explicou a deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, as entradas teñen como destinatarios os rapaces e rapazas das escolas e clubes de fútbol base da provincia, co obxectivo de que os máis novos podan presenciar en vivo “este gran espectáculo do deporte feminino”.

Capelán instou aos afeccionados a “encher Riazor para apoiar á selección española e mostrar a todo o país o inmeso apoio da provincia da Coruña ao deporte feminino” nesta cita internacional, clasificatoria para o Campionato de Europa que se celebrará en 2021 en Inglaterra, que será emitida en directo pola 1 de TVE.

A deputada enmarcou esta acción nas políticas de apoio e promoción do deporte feminino da institución provincial, plasmada en feitos como a creación da Copa Deputación de Fútbol e a Bandeira de Traíñas feminina ou o impulso a accións de visibilización da muller no deporte coma o documental “Contra os elementos”, promovido pola Deputación da Coruña.

A %d blogueros les gusta esto: