coruna 27/09/2020

A Deputación da Coruña modifica os pregos de contratación para dinamizar a economía e promover o emprego

by Victor Lamela

Os novos pregos de contratación da Deputación da Coruña teñen como obxectivo dinamizar a economía, promover a creación de emprego -de maneira especial  para os grupos máis desfavorecidos-, primar a calidade das obras sobre o prezo e fortalecer o sector. O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, destacou que estes cambios son “vitais” para a recuperación económica despois da pandemia e supoñen un modelo de renovación da contratación por parte das institucións.

Despois de meses de intenso traballo e diálogo cos axentes implicados e cos grupos políticos representados na Corporación, o pleno da Deputación da Coruña deu este venres luz verde, con apoio unánime de todos os grupos políticos, a unha modificación histórica dos pregos de contratación que suporán importantes melloras para a dinamización económica e laboral no sector e tamén no desenvolvemento xeral nunha situación económica e social tan grave como a actual.

“Son pregos máis dinámicos, pregos onde se poñen en valor cuestións que non só falan de prezos ou de economía de consumo interno, falan de economía externa, á que debemos contribuír a axilizar e priorizar”, explicou no pleno o deputado responsable da área, Xosé Luís Penas.

En concreto, as modificacións suporán importantes beneficios para as empresas adxudicatarias, que verán axilizado o proceso de contratación cunha importante redución da documentación necesaria. “A contratación debe ser un mecanismo para colaborar co mercado de traballo, pero nunca para limitar ou ralentizar ese mesmo mercado”, dixo o deputado.

Ademais, cámbiase a fórmula de cálculo para baixas temerarias co fin de buscar maior xustiza na asignación das licitacións e tendo como referente o orzamento medio dos proxectos presentados e elimínanse as garantías financieiras que obrigaban ás empresas a ter depósitos de seguridade en entidades financieiras, o que reverterá na mellora das contas do sector. “As garantías só favorecían as entidades financeiras que despois nos cobran por eses mesmos aforros. Queremos que os cartos estean nas empresas e nas persoas que traballan nelas co obxectivo de promover a economía circular”, apuntou Penas no pleno. Tamén se elimina a puntuación por rematar antes do prazo fixado o que supuñía premiar a aceleración do proceso de desenvolvemento dos proxectos.

En canto ás cuestións técnicas dos novos contratos, a partir de agora, estableceranse os elementos que non poden ser subcontratados e o mínimo persoal de obra, ademais de reducir ampliamente a documentación requerida,  que practicamente se reduce á metade. As reformas inclúen tamén novidades que melloran o coidado e a conservación medioambiental.

Estabilidade no emprego e atención a colectivos desfavorecidos

Se algo destacou o deputado de Contratación e Patrimonio no pleno é o carácter social das modificacións, que supoñen un avance histórico e fan que estes novos pregos podan converterse en modelo para outras institucións que aposten por responder ás necesidades e urxencias sociais.

“A nosa responsabilidade é axilizar a contratación, reducir os prazos, aumentar a execución e poñer a economía ao servizo da sociedade”, insistiu Penas na súa intervención durante a sesión plenaria ao tempo que concretou ese obxectivo na mellora da estabilidade do emprego, a promoción da contratación de mulleres ou o a realización de plans de formación para a contratación de sectores máis desfavorecidos, de maneira especial, á mocidade, maiores de 55 anos e persoas que estean a percibir a Renta Mínima Vital. Os pregos establecen tamén indicacións para potenciar medidas de conciliación familiar.

O deputado finalizou a súa intervención agradecendo aos colectivos e persoas que colaboraron desde asociacións, empresas, sindicatos, profesionais doutras institucións e administracións e, en definitiva, a todos e todas os que participaron na elaboración dos novos pregos.

A %d blogueros les gusta esto: