coruna 26th junio 2018

A Deputación da Coruña valida nas comarcas o resultado do programa Compartimos Plan

by Victor Lamela

A área de Igualdade da Deputación da Coruña avanza no proxecto Compartimos Plan co fin de realizar unha diagnose de cara desenvolver de maneira máis eficaz as políticas de igualdade.  Xuntanzas nas cabeceiras de comarca e unha iniciativa de dinámica grupal porán fin á fase previa ao deseño de estratexias de actuación no traballo pola igualdade.

Por medio de dezaoito foros nas distintas comarcas, a área de Igualdade da Deputación da Coruña valida os traballos do proxecto Compartimos Plan, Diagnose e Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero e Loita contra a Violencia na Coruña

A área de Igualdade da Deputación da Coruña está a pechar a fase de diagnose do proxecto Compartimos Plan cunha rolda de encontros as 18 cabeceiras comarcais da Coruña. O obxectivo é facer partícipes ao persoal técnico e político das administracións locais, máis tecido asociativo e outros axentes chave do territorio, dos principais resultados acadados en cada unha das comarcas no estudo de diagnose realizado nos últimos meses.

Os encontros iniciáronse a comezos deste mes de xuño e realizáronse xa os das comarcas de Fisterra, Sar, Barbanza, Muros e Noia. A última semana de xuño tocaralles a quenda ás comarcas de Arzúa e Melide, e xa no mes de xullo darase continuidade aos encontros das comarcas da Coruña, Betanzos, Eume, Ortegal, Ferrol, Terra de Soneira, Bergantiños, Terra de Xallas, Santiago, Ordes e A Barcala.

“Con esta fase de elaboración da diagnose cotéxanse os resultados obtidos e danse a coñecer as primeiras avaliacións dos datos obtidos. Queremos que “Compartimos plan” sexa unha ferramenta para todas as administracións ademais de empresas e colectivos para coñecer a fondo a realidade social e os medios para actuar de maneira máis eficaz no traballo para a igualdade”, sinala a deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade.

Nestes encontros achegaranse os principais resultados da diagnose en cada comarca de referencia, obtidos a través de diferentes instrumentos, como entrevistas, cuestionarios, etc., e tamén trala revisión de fontes estatísticas secundarias. Deste xeito, ofrecerase unha fotografía das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas de cada territorio, co fin de poder validar unha matriz DAFO mediante unha ferramenta interactiva. Este traballo culminará cunha dinámica grupal a partir da cal poderanse deseñar as estratexias de actuación no referido ás políticas de igualdade.

Para a difusión e organización destes encontros cóntase coa colaboración dos 93 concellos da provincia, logrando así facer extensible o convite ao maior número de axentes chave, así como a todas aquelas persoas que a título individual desexen asistir, pola súa  vinculación persoal ou profesional coas políticas de igualdade entre mulleres e homes.

A %d blogueros les gusta esto: