coruna 15/09/2020

A Deputación e a UDC dan continuidade ao servizo de comedor no IES Calvo Sotelo para os usuarios da residencia Elvira Bao

by Victor Lamela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín Gonzalez Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o acordo mediante o que os usuarios e usuarias da residencia universitaria Elvira Bao poderán empregar o comedor do IES Calvo Sotelo.

A sinatura dá continuidade ao convenio asinado no 2019. “A Deputación e a Universidade coincidimos en que a colaboración foi moi proveitosa, e por ese motivo volvemos cooperar para ofrecer un servizo necesario e útil para os estudantado” afirmou González Formoso.

O acordo ofrecerá un total de 70 prazas no comedor para que os usuarios e usuarias da residencia universitaria Elvira Bao poidan almorzar, xantar e cear. O comedor estará rexido polas normas da residencia deste centro, e será a UDC a que deba informar da identidade dos alumnos e alumnas que o empreguen, así como das altas e das baixas que se produzan no servizo ao longo dos meses.

O acordo terá unha vixencia de dous anos, incluíndo o presente curso académico (2020-2021) así como o do 2021-2022. As persoas interesadas poderán empregar o comedor para o almorzo (de luns a venres de 07:00 h a 08:45 h), xantar (de luns a venres de 14:00 h a 15:30 h) e para cear (de domingos a xoves de 20:30 h a 21:30 h). O servizo non estará activo nos días festivos, de vacacións e non lectivos do IES Calvo Sotelo.

A %d blogueros les gusta esto: