Uncategorised 8th noviembre 2018

A Deputación e o Concello de Oleiros investirán 167.525 euros no parque costeiro metropolitano de Bastiagueiro

by Victor Lamela

O deputado de Contratación e Patrimonio,  Xesús Soto, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento do parque costeiro metropolitano de Bastiagueiro, un proxecto que suporá un investimento de 167.525,15 €.

A Deputación da Coruña financiará, a través do convenio, o proxecto do concello de Oleiros para o que achega de 130.000 €, o 77,6% do do orzamento total da obra que recuperará o espazo costeiro entre Santa Cruz e Perillo, declarado zona verde protexida, cunha extensión de 180.000 metros cadrados.

Para o deputado Xesús Soto, a obra “suporá unha mellora para a zona e será utilizada por milleiros de persoas, en especial da propia comarca, que visitan este espazo de tanto interese declarado zona verde protexida”, sinalou arredor dun proxecto que suporá a recuperación do espazo costeiro, entre Santa Cruz e Perillo, que será visitado de maneira especial polas persoas que se achegan aos areais de Bastiagueiro, Santa Cruz e Naval.

“Estamos a falar dunha obra de gran envergadura que supuxo un gran esforzo para o Concello de Oleiros con 70.000 metros cadrados expropiados e un importante investimento económico. Grazas a isto, poderemos contar cun parque que non só será para Oleiros, estamos a falar dun parque metropolitano natural do que se beneficiará toda a comarca da Coruña”, destaca o alcalde de Oleiros, Angel García Seoane.

O Concello de Oleiros xa procedeu á expropiación de 70.000 metros cadrados de solo costeiro. Este espazo natural, situado tras a praia de Bastigueiro Pequeno, quérese ordear para convertilo nun lugar de ocio, paseo e esparcemento para a veciñanza.

As obras contempladas nesta fase previa inclúen o movemento de terras para suavizar as pendentes existentes, o acondicionamento do camiño de acceso á praia para permitir o paso de maquinaria, a preinstalación das canalizacións para o alumeado público e a execución de sendas peonís en xabre-cemento, de dous metros de ancho, con continuidade do acceso rodado á praia mediante unha pasarela de madeira.

A %d blogueros les gusta esto: