coruna 9th enero 2019

A Deputación espalla 246 toneladas de sal contra as xeadas nas estradas da provincia

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña espallou entre o 1 e o 7 de xaneiro un total de 246 toneladas de sal nas estradas provinciais máis afectadas polas intensas xeadas dos últimos días e nos tramos nos que previsiblemente se podan formar placas de xeo.

As actuacións leváronse a cabo nun total de 1.282 quilómetros, máis da metade dos 2.100 quilómetros cos que conta a rede provincial, e no total das cinco zonas nas que se divide o mapa da provincia para os efectos de mantemento de estradas.

Os datos foron facilitados esta mañá polo deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación, José Manuel Pequeño, que destacou que estas labores de prevención seguen desenvolvéndose durante todo o día- con maior frecuencia pola noite e primeiras horas da mañá e nos tramos onde se producen xeadas de maior intensidade-  e pretenden axudar a garantir a seguridade nas estradas provinciais, aínda que recomendou aos condutores “extremar a prudencia” ante as previsións meteorolóxicas que avanzan que a ola de frío intensificarase nas vindeiras xornadas, unha circunstancia para a que os servizos de Vías e Obras da Deputación “están preparados”.

Pequeño Castro apuntou que o departamento de Vías e Obras da Deputación inviste cada ano 1 millón de euros para dispor dun servizo de actuacións urxentes que funciona as 24 horas do día, dando unha resposta eficaz e inmediata a calquera incidencia e que inclúe labores preventivas coma garantir a viabilidade da rede de estradas durante a tempada invernal, cando se acumula neve ou xeo.

Cada unha das cinco zonas nas que se divide o mapa da provincia conta cunha brigada composta por entre 6 e 8 operarios e maquinaria axeitada para atender este servizo.

A Deputación agradece a colaboración cidadá para dar avisos de formación de placas de xeo nas estradas a través do 112, os concellos da provincia ou do servizo de Vías e Obras da Deputación.

A %d blogueros les gusta esto: