coruna 18th noviembre 2018

A Deputación financia con 53.558 euros as actividades do Museo Etnográfico das Brañas de Valga, no concello de Mesía

by Victor Lamela

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron na sede da institución provincial o convenio de colaboración para financiar os gastos de funcionamento da Aula da Natureza do Museo Etnográfico das Brañas de Valga.

A Deputación da Coruña achegará 53.558,64 euros (o 80% do total dos gastos anuais de funcionamento do museo) para financiar as distintas actividades que acolle o centro ao longo do ano, como conferencias, exposicións e obradoiros, así como para a realización de traballos de mantemento nas instalacións do museo e da zona verde que a rodea, elaboración de material divulgativo e didáctico.

Grazas a este convenio, o Museo Etnográfico das Brañas de Valga contratará tamén a dous peóns de xardinería e un monitor de tempo libre para poñer en marcha as distintas actividades programadas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que  Deputación da Coruña vén colaborando co centro etnográfico das Brañas de Valga dende a súa creación. Dende 2012 ata a actualidade, o organismo provincial leva destinados ao museo, un total de 360.000 euros, tanto para a posta en marcha da Aula da Natureza, como para  a recuperación do patrimonio natural da entidade, entre outras actuacións.

Situados xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa, a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico Brañas de Valga, está dedicada á flora e á fauna propia das humidades de Galicia, e en concreto á importancia das Brañas. Tamén se atopa dentro das súas instalacións a aula Taller-Laboratorio, dotada co equipamento necesario para acoller grupos de ata 40 persoas, e a aula de usos múltiples. Outro dos seus atractivos é a exposición sobre a explotación e o uso da arxila, o barro e a historia da cerámica en Galicia.

A %d blogueros les gusta esto: