coruna 01/04/2021

A Deputacion licita por máis de 1,2 millóns de euros a ampliación da DP-0510 de Confurco a Orro, en Culleredo

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación por 1.215.705 euros as obras dea ampliación da estrada provincial DP-0510 ao seu paso polo concello de Culleredo. A iniciativa permitirá realizar o ensanche, mellora da estrada e creación dunha senda no tramo que conecta o núcleo de Confurco, en Culleredo, co de Orro.

A actuación enmárcase dentro do Plan de Investimento en Vías Provinciais e a través dela repararase esta ruta desde o seu inicio, na intersección coa vía provincial DP-3109, ata o punto quilométrico 2+940. Unhas tarefas que permitirán incrementar a seguridade ao longo destes tres quilómetros do vial, mellorando o acceso ao Club de Campo de A Garrocha, os núcleos de Figueiras e Caiñás, así como creando espazos máis seguros para as persoas que circulan por este tramo.

Agora mesmo, a calzada conta cun ancho medio de 5 metros que se ampliará para albergar dous carrís de circulación de 3 metros, beiravías de medio metro cada unha e unha cuneta de 0,75 metros na marxe esquerda. Ademais, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que residen e transitan pola contorna, construirase unha senda de 2 metros de ancho na marxe dereita da vía.

Dentro das tarefas inclúense o tratamento de accesos e interseccións, adecuación da velocidade ás características da vía e ordenación de accesos. Á súa vez, tamén se construirá unha glorieta no punto quilométrico 2+000 co obxectivo de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos máis perigosos para o tráfico rodado e peonil.

O ente provincial xa destinou 136.313,65 euros para a adquisición dos 141 terreos de prado, monte e labradío necesarios para levar a cabo esta obra, que se suman ao orzamento de 1.215.705 euros das obras.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa licitación desta importante obra, a Deputación atende unha antiga demanda do Concello de Culleredo e  segue apostando pola mellora da seguridade vial e peonil nas estradas provinciais.

O alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, manifestou tamén a súa satisfacción polo avance na tramitación dun proxecto moi esperado pola veciñanza de Orro.

O prazo de execución das actuacións sinaladas é de 12 meses e as empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o vindeiro 19 de abril de 2021.

 

A %d blogueros les gusta esto: