A Deputación da Coruña mellorará a seguridade peonil na DP 1702 na zona da estación de tren de Cambre. A actuación permitirá a construción dunha senda peonil que contará cunha pasarela metálica sobre as vías ferroviarias. O proxecto, cun investimento previsto de 286.069,10 euros foi aprobado onte por unanimidade no pleno da institución provincial.
Actualmente o tramo da estrada provincial comprendido entre o punto quilométrico 0+910 e o 1+070 non conta con itinerario peonil que conecte as beirarrúas existentes antes e despois da ruta, poñendo en risco a seguridade dos peóns que transcorren pola zona.
Para dar solución a esta problemática e mellorar a seguridade, a Deputación construirá unha senda peonil de 143 metros de lonxitude e 2 metros de ancho na marxe esquerda do tramo, que é polo que máis transitan as persoas do lugar ao haber máis vivendas nesa zona. A senda estará conformada por pavimento de formigón e quedará enmarcada por dous bordillos, un na zona da calzada, que contará cun alto de 28 centímetros, e outro na zona contraria.
Pasarela metálica, pasos de peóns e alumeado LED
Esta senda contará ademais cunha pasarela metálica de 12,27 metros de lonxitude cunha anchura tamén de 2 metros, dando continuidade á senda sobre a estrada. A estrutura desta será de aceiro patinable.
Dentro da iniciativa tamén se construirán dous novos pasos de peóns elevados, un ao final do tramo e outro no acceso á marxe esquerda da vía. Modificarase tamén o paso de peóns existente no comezo da ruta sinalada para convertelo nun paso elevado. Reporase o firme da estrada, necesario para a construción dos pasos de peóns e os cruces de servizos.
Á súa vez, repoñerase a sinalización horizontal e vertical afectada e pintaranse os pasos de peóns da nova construción, así como se soterrarán as liñas de baixa tensión e iluminación e unha liña de telecomunicacións. A iluminación proxectada na zona será LED.
Este iniciativa mellorará deste xeito as condicións de circulación dos peóns na zona, ofrecendo un camiño seguro, e terá un máximo de execución de 5 meses.