coruna 02/09/2019

A Deputación presenta un libro sobre a depuración dos mestres durante o franquismo na provincia da Coruña

by Victor Lamela

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación do libro “La depuración del Magisterio nacional en la provincia de A Coruña (1936-1945)”, de Jesús Manuel García Díaz, un ensaio froito dunha extensa investigación histórica gañador do premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica, que agora ven de ser editado coa colaboración da institución provincial coruñesa.

O acto contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o seu homólogo da Fundación Luís Tilve, José Benito Núñez, e do propio autor, Jesús Manuel García, director da UNED en Ourense.

O presidente da Deputación da Coruña destacou “o exhaustivo traballo de investigación histórica” realizado polo autor nas máis de 500 páxinas do volume, nas que se detalla o proceso de depuración administrativa que levou a cabo o franquismo contra os mestres das escolas rurais e urbanas da provincia, baseándose en máis de 2.000 expedientes históricos procedentes, entre outras fontes, de chamada Comisión Depurativa Provincial, a Autoridade Gubernativa Militar, o Ministerio de Educación ou a Comisión de Cultura y Enseñanza.

Valentín González Formoso destacou que o libro contribúe a “botar luz” sobre un “período histórico escuro”, permitindo ao lector coñecer con todo detalle a enorme e triste inxustiza deste proceso de depuración ideolóxica das escolas coruñesas e o seu demoledor balance para os centos de persoas que o sufriron directamente e para o propio sistema educativo do país.

Jesus Manuel García explicou que o libro baséase na súa tese de doutoramento e trata de “contextualizar” a escola republicana na provincia coruñesa comparándoa coa do franquismo e analizando en detalle o proceso de “depuración administrativa” de máis de 2.000 mestres en cidades coma Coruña, Santiago e Ferrol pero tamén nas pequenas vilas e pobos da provincia.

García explicou a creación de órganos administrativos coma a Comisión Depurativa Provincial destinados a facer esta labor e detallou con múltiples exemplos como “os infomes dos curas, da Guardia Civil, do alcalde ou as delacións dos veciños” eran as fontes nas que se baseaban a maioría dos procesos. Non levar os alumnos á misa, ter o crucifixo da clase roto, bañarse na praia no verán, cuestións relacionadas coa vida persoal dos mestres e mestras ou ter determinada filiación política foron algunhas das causas destes expedientes que pretdendían levar a cabo a depuración ideolóxica dos profesionais do ensino.

Segundo os datos da investigación, destes 2.000 expedientes, 1.973 foron resoltos. Ao final do proceso un 79% dos procesados foron absoltos e un 21% inhabilitados para o exercicio da profesión.

A %d blogueros les gusta esto: