Deportes 15/12/2020

A Deputación solicitará novas axudas do IDAE para ampliar a Vía Verde e conectar as cidades da Coruña e Santiago con sendas ciclistas

by Victor Lamela

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentaron os proxectos que a institución provincial está a impulsar no eido da mobilidade sostible nos concellos coruñeses co apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do  Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España.

Uns proxectos que, segundo explicou o presidente da Deputación, “suman un importante investimento de máis de  9 millóns de euros e que permitirán crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia” con proxectos singulares coma a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña a Cecebre, Cambre e Carral; a creación da  primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.

Destes 9 millóns de euros, 7,2 proveñen de fondos FEDER a través das axudas que convoca o IDAE para proxectos de economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes e os restantes 1,8 millóns son financiados con fondos propios da Deputación da Coruña.

González Formoso subliñou “a aposta da Deputación por un novo modelo de mobilidade máis sustentable, respectuoso co medio ambiente e enerxéticamente eficiente, no que a bicicleta ten un protagonismo importante”.

“Os carrís bici e sendas ciclables están habitualmente nas cidades e no seu entorno máis próximo. Na Deputación queremos extendelo tamén aos municipios máis pequenos e rurais, onde funcionarán como un elemento de vertebración do territorio de de dinamización turística”, sostivo o presidente da Deputación da Coruña.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou na súa intervención a visión de futuro do ente provincial, en concordancia coa axenda 2030 do Goberno de España. O delegado sinalou que os proxectos presentados forman parte dun investimento global de máis de 66 millóns de euros do ministerio de Transición Ecolóxica para 139 proxectos na provincia, 11 deles xestionados pola Deputación. Losada tamén gabou o traballo da deputación na provincia, “é un exemplo de coordinación cos concellos para favorecer o desenvolvemento destes”.

 Conectar A Coruña e Santiago con sendas ciclistas

González Formoso anunciou que a Deputación da Coruña volverá a solicitar fondos na convocatoria 2021 de axudas do IDAE para acometer unha segunda fase do Plan de Moblidade Ciclista, que incluiría novos tramos da Vía Verde no concello de Culleredo e na Cidade de Santiago de Compostela.

“O obxectivo é que nuns anos sexa posible percorrer en bici a distancia que separa A Coruña e Santiago a través da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña e a Vía Verde”, afirmou o presidente provincial, que explicou que o proxecto do tramo de Santiago xa está redactado pola Fundación de Ferrocarriles Españoles e o tramo da Vía Verde de Culleredo discorrería por Uxes, Orro, Bregua e Boedo, para enlazar coa de Cerceda e chegar despois a Tordoia, Ordes, Oroso e Santiago.

 Vía Verde Santiago-Cerceda

A Deputación xa ten moi avanzado o proceso de contratación dos tramos da Vía Verde correspondentes a Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda, que suman un investimento superior aos 1,9 millóns de euros. Durante o proceso de licitación recibironse 126 ofertas e está previsto que se adxudiquen nas vindeiras semanas, o que premitirá comezar a execución das obras a principios de 2021.

Será a primeira Vía Verde da provincia da Coruña e a de maior lonxitude de Galicia, ao conectar os 36,5 quilómetros que separan Santiago e Cerceda cunha senda ciclable sobre as antigas vías do ferrocarril, que comezará a ser unha realidade en 2021.

A Vía Verde terá unha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Dotarase ao itinerario de drenaxes e outras obras complementarias coma a construción de muros e noiros, instalación de varandas en pontes e viadutos, iluminación de túneles activada por presencia ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.

Senda Ciclable Abegondo-Cecebre

Con este proxecto, a Deputación pretende ampliar a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ata o entorno da presa de Cecebre. O novo carril bici discorrerá en gran parte pola Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñeses e Terras do Mandeo, utilizando como base camiños públicos que borderían o encoro, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, pasando por núcleos de poboación de Abegondo, entre os que destaca Sarandóns.

Desde a pasada semana, os proxectos contan con todas as autorizacións administrativas necesarias, polo que o seguinte paso será tramitar as encomendas de xestión cos concellos implicados (Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral) e aprobar a contratación das obras, que suporán a construción de case 30 novos quilómetros de vías ciclistas e un investimento de preto de 2,5 millóns de euros.

Itinerarios ciclistas nos faros da provincia

O terceiro dos proxectos incluidos na primeira fase do Plan Director de Mobilidade Ciclista da Deputación da Coruña é a construcción de sendas ciclistas en 11 dos 26 faros en funcionamento que ten a provincia da Coruña ao longo dos seus 956 quilómetros de costa.

Os proxectos están actualmente adaptando a súa redacción aos requerimentos de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Suporá un investimento de 4,5 millóns de euros para a construción duns 60 quilómetros de sendas nos faros seguintes faros:

Faro Concello Titularidade da senda Lonxitude (km)
Estaca de Bares Mañón Municipal 1,7
Cabo Ortegal Cariño Municipal 3,6
Punta Frouxeira Valdoviño Municipal 8
Punta Nariga Malpica Municipal 14
Laxe Laxe Municipal 1,4
Cabo Vilán Camariñas Municipal 5
Cabo Touriñán Muxía Municipal 16
Fisterra Fisterra Municipal 3
Cabo de Cee Corcubión Provincial 3,4
Lariño Carnota Municipal 0,9
Punta Queixal Muros Municipal 2,6
TOTAL : 59,6
A %d blogueros les gusta esto: