coruna 21st noviembre 2018

A FEMP e o Goberno central premian o traballo contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

by Victor Lamela

A Deputación da Coruña vén de ser recoñecida polas súas boas prácticas contra a violencia de xénero, premio que concede a Secretaría de Estado de Igualdad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) . O premio destaca a acción en sensibilización e prevención na que se enmarcan programas como “Quen dixo medo?” ou “Suprime o control”.

A Secretaría de Estado de Igualdad e a FEMP recoñecen á Deputación da Coruña cun premio que valora o traballo desenvolvido no ámbito da sensibilización e prevención, de apoio ás mulleres vítimas e de detección e coordinación arredor da violencia machista. Os premios se entregarán o vindeiro 29 de novembro na sede da Federación Española de Municipios e Provincias de Madrid, nun acto en que participará a Vicepresidenta do Goberno e Ministra de Igualdade, Carme Calvo e o Presidente da FEMP, Abel Caballero.

“Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña temos un compromiso activo nas políticas contra a violencia contra as mulleres e, de maneira especial, no traballo coa xente nova porque, para nós, é a mellor maneira de construír unha sociedade igualitaria e sen machismo”, sinala a Deputada da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco.

Neste sentido, o programa socioeducativo “Suprime o control” para a prevención de violencia de xénero dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO chegará nesta nova edición a 11 centros educativos das comarcas de Ferrol e Eume-Ortegal, despois de que o pasado ano contase coa participación de 534 alumnos e alumnas.

A Deputación da Coruña ten tamén en activo o programa “Quen dixo medo?” que continúa a súa actividade en distintos concellos da provincia con obradoiros sobre as TICs, charlas sobre afectividade e sexualidade, xincanas coeducativas, contacontos ou obradoiros infantís que se desenvolven en CEIPS e centros municipais.

Ademais, desde a área de Igualdade promóvese un concurso de guións contra a violencia de xénero como ferramenta de traballo e debate nos centros escolares que logo se converte en proxecto audiovisual. O vindeiro día 30 de novembro estrearase en Sada a curtametraxe gañadora da anterior edición do concurso titulada “Deámoslle voz” e elaborada polo alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

A Deputación da Coruña traballa tamén, desde a área de Igualdade, na elaboración da Diagnose da situación “Compartimos plan” que terá o vindeiro 23 de novembro unha xuntanza da Comisión de Seguimento dunha liña de actuación que quere ser unha ferramenta útil para implementar medidas concretas e traballar de maneira eficaz nun ámbito de especial relevancia para combater a violencia.

Xunto con estas medidas, a Deputación da Coruña participa da campaña En Negro colaborando na achega de materiais aos concellos de menos de 10.000 habitantes e, canda outras institucións, participa na Comisión Provincial contra a violencia de xénero.

A %d blogueros les gusta esto: