coruna 24/09/2020

A Marea Atlántica denuncia a delicada situación do sector cultural e urxe a Inés Rey a actuar tras 15 meses en branco

by Victor Lamela

A Marea Atlántica denuncia a situación crítica do sector cultural na Coruña, derivada da pandemia, e urxe a Inés Rey, nova responsable desta área, a tomar medidas canto antes tras quince meses sen proxecto, sen medidas e sen interlocución co sector. O noso vicevoceiro, Iago Martínez, sinala que “o impacto da COVID está a ser durísimo, especialmente sobre o tecido cultural, como evidencian os informes do Consello da Cultura Galega, e xera grande inseguridade de cara o futuro. Este foi un ano practicamente perdido, e as perspectivas para o que vén son, como pouco, incertas”.

Tras reunirse co colectivo Clubtura, que representa ás salas de concertos de todo o país e tamén da Coruña, Iago Martínez traslada a preocupación do noso grupo pola grave situación económica que atravesa o sector, que nalgúns casos é verdadeiramente dramática. “Dámoslle todo o noso apoio e moitos azos ás salas de concertos. Son cultura, emprego, riqueza, memoria e actividade económica, ademais dun ben esencial. Querémolas abertas. Unha cidade con salas, con música, é unha cidade viva”.

Neste sentido, instamos ao goberno do PSOE a poñer en marcha, con urxencia, o convenio con Clubtura para a creación dun festival de bandas locais, descentralizado, que debe adaptarse á situación sanitaria e contar con actuacións ​online, ​como están a facer moitos concellos. Foi introducido pola Marea Atlántica como modificación ao orzamento ​no mes de xullo e segue pendente de materializarse a tres meses de que remate o ano. Ata a data, é a única medida real e efectiva para este sector na Coruña.

É preciso atender debidamente ás salas de concertos, cousa que polo de agora non están a facer nin a Xunta de Galicia nin o Concello da Coruña. É necesario escoitalas e habilitar medidas específicas: non están cubertas convenientemente polo Bono Cultura e as axudas ao gasto corrente do plan de choque aprobado de xeito unánime por todos os grupos municipais da Corporación levan meses paralizadas.

Un mandato sen políticas culturais

Iago Martínez engadiu que “en quince meses, o balance das políticas culturais deste goberno é moi negativo, e o cese fulminante de Jesús Celemín só está a causar, de momento, máis confusión. A área de Cultura segue borrosa, e nin sequera podemos fiscalizala porque a súa teórica responsable non se somete ao control da oposición nas comisións plenarias”. Pedimos claridade, transparencia, normalidade democrática, ideas, escoita e moito traballo por parte do goberno municipal. E, tal e como reclamaba a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural nun comunicado esta semana, persoas cualificadas á fronte.

Hai meses, desde o inicio da pandemia, que propoñemos un plan de choque para facer da Coruña un porto refuxio da Cultura. Tivemos e temos a man tendida, pero non hai resposta por parte do executivo local. En lugar dun porto, temos un deserto: compromisos rotos, un recorte de 700.000 euros no IMCE e un Bono Cultura que nace como unha proposta da Marea Atlántica pero que se materializa de xeito moi ambicioso e nada social.

“Xa non pode negarse que 2021 vai ser un ano moi difícil para as persoas e colectivos vulnerables. A crise vaise acentuar, só estamos a ver o seu prólogo. E o sector cultural, polas súas singularidades e pola alta dose de precariedade no emprego, vaino acusar. Non se pode repetir o desastre deste 2020. Sen proxecto para o sector, sen traballo cooperativo cos profesionais, sen investimento público, sen imaxinación para superar as restricións da pandemia, o futuro é negro”, sinala Iago Martínez.

Por parte da Marea Atlántica, continuaremos a escoitar ao sector e a traballar man a man coas súas profesionais. A xuntanza mantida esta semana con Clubtura foi o noso segundo encontro en poucos meses, e continuamos nunha nova rolda de conversas cos colectivos e entidades culturais da Coruña. Non poden quedar abandonados.

A %d blogueros les gusta esto: