coruna 04/09/2020

A Marea Atlántica denuncia que a maioría da plantilla do polideportivo de San Diego segue en ERTE a pesar da reapertura das instalacións

by Victor Lamela

A Marea Atlántica denuncia que a maioría da plantilla do polideportivo de San Diego segue en ERTE a pesar de que as instalacións reabriron en xullo. Esta situación contradí a promesa de Inés Rey, realizada no mes de marzo e co respaldo de todos os grupos municipais, de ​manter o emprego intacto en todos os servizos do Concello​, a pesar da situación de pandemia. Esixímoslle que cumpra a súa palabra e comece á fiscalizar á empresa SUPERA, encargada da concesión.

Tras reunirse con representantes do Comité de Empresa de SUPERA, a concelleira Claudia Delso sinala que “o goberno local ten que exercer a súa responsabilidade e garantir que a empresa cumpra cos compromisos laborais, reincorpore a toda a plantilla de inmediato​ e garanta que a instalación cumpre con todos os protocolos sanitarios”. O noso grupo municipal vén de rexistrar unha batería de preguntas para o vindeiro Pleno, destinadas a coñecer en detalle a situación en San Diego.

Segundo denuncia da representación laboral, o polideportivo de San Diego está a funcionar baixo mínimos, cun horario reducido e cun persoal insuficiente para atender o servizo. Porén, ás persoas usuarias cobróuselles o 100% da cota. “Esiximos tamén que as instalacións recuperen o seu horario habitual de 8h a 23h, e que se estuden compensacións para quen pagou a mensualidade completa en xullo e agosto pese a ter un servizo reducido”, di Claudia Delso.

Aposta pola xestión directa

Doutra banda, convidamos ao goberno municipal a reflexionar sobre se a concesión a empresas privadas é o mellor modelo para a xestión das instalacións deportivas, tendo en conta que dá lugar a poñer o beneficio económico por diante de todo, mesmo do servizo público.

Unha vez máis, ​volvemos reclamar​ una aposta pola xestión directa dos servizos deportivos, unha opción que tanto mellora o servizo á cidadanía como as condicións laborais. Debe facerse en San Diego, unha vez que remate a prórroga do contrato actual, e debe facerse no Castrillón, en canto rematen as obras do novo polideportivo que o barrio está a agardar.

A %d blogueros les gusta esto: