coruna 17/01/2021

A Marea Atlántica denuncia que o goberno de Inés Rey remata 2020 coa peor execución orzamentaria dos últimos cinco anos

by Victor Lamela

O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que no 2020, o ano da pandemia, o confinamento e a crise, o goberno de Inés Rey deixou sen gastar 82,6 millóns de euros e pechou o exercicio coa peor execución orzamentaria dos últimos cinco anos, un 74,1%. Tanto a cifra total como a porcentaxe son peores que en calquera dos anos de mandato da Marea Atlántica. O PSOE non foi quen de levar a práctica as leccións de “boa xestión” que insistía en darlle ao equipo de Xulio Ferreiro.

Por áreas, catro das nove do goberno de Inés Rey, a Alcaldía entre elas, non chegaron a investir nin a metade dos fondos que tiñan en 2020. ​Eva Martínez Acón foi cesada como responsable de Emprego co argumento da súa baixa execución. Efectivamente, esa área, que non mellorou tras o relevo, queda no 35,3%, pero iso só supón que quedaron 2,1 millóns de euros sen gastar, ao ser a concellaría peor dotada de todas.

Máis grave é o de ​Juan Ignacio Borrego e a tránsfuga Mónica Martínez​, que non conseguiron superar o 46,7% en Deportes, o que significa que deixaron sen tocar 7 millóns. Ou o de ​Diana Cabanas​, que deixou outros 8,1 intactos en Turismo, Comercio e Mercados. Moi grave tamén que a área de Benestar Social, de ​Yoya Neira​, nun momento de emerxencia coma este, deixase sen executar 10 millóns de euros, o 33,3% do total. A propia alcaldesa ​Inés Rey rematou o ano con 4,6 millóns na caixa e unha execución do 46,2%. Vaise destituír a si mesma?

É moi grave que todos estes fondos queden sen investir nun ano de pandemia, no que cada euro público é necesario. Quedaron 82,6 millóns que non se están a investir en servizos sociais, nin en arranxar centros de ensino e adaptalos á situación, nin en apoiar á cultura, ao comercio ou á hostalería, nin en reforzar o transporte público.

O maior ‘investimento’, o desastre do Castro de Elviña

Eses 82,6 millóns serían 96 de non ser polo maior ​investimento do Concello en 2020, o pago pola sentenza das expropiacións irregulares do Castro de Elviña. Unha ​herdanza vazquista que custou 12 millóns de euros e que agora se emprega para maquillar as contas.

Nun momento no que a xente precisa un goberno que lle tenda a man, na Coruña temos un goberno ineficaz, desunido e que non é quen de estar á altura da súa propia propaganda. Volvemos pedirlle a Inés Rey que recapacite, que recupere as alianzas que lle deron a alcaldía, e que se poña a traballar na elaboración duns Orzamentos 2021 para evitar que esta desatrosas cifras se repitan. ​É o que aprobou o Pleno por ampla maioría este xoves.

A %d blogueros les gusta esto: