coruna 09/01/2021

A Marea Atlántica denuncia que o goberno muncipal desmonta o sistema de xestión das colonias felinas sen dar alternativa

by Victor Lamela

O grupo municipal da Marea Atlantica denuncia que o goberno de Inés Rey desmountou o sistema de xestión ética das colonias felinas da Coruña, construído no pasado mandato con éxito e coa colaboración das entidades protectoras de animais. Vimos de rexistrar unha serie de preguntas escritas para coñecer por que, desde o 1 de xaneiro, sen dar alternativa de ningún tipo, o Concello deixou de pagar as esterilizacións e desparasitacións dos gatos ferais. Como afirma a nosa voceira, María García, “É unha proba máis de que o PSOE carece de modelo para as políticas de benestar animal e mesmo de interese por elas. Noutro caso sabería que as colonias felinas controladas non son só unha cuestión ética, senón unha medida de saúde pública: dos animais e das persoas”.

Desde o 1 de xaneiro, a Concellería de Medio Ambiente deixou de financiar as esterilizacións de gatos ferais, desmantelando o modelo de Captura, Esterilización e Solta que estaba a dar moi bos resultados no control ético da poboación felina. Avisou por carta ás organizacións animalistas, deixando nas súas mans toda a responsabilidade. “Unha carta moi hipócrita: por un lado, a Concellería traslada agradecementos e parabéns polo excelente traballo, pero ao final informa de que retiran os fondos. Deixan soas ás protectoras cun labor que na realidade lle corresponde ao Concello, pero que non asume”, afirma a nosa portavoz.

Subvencións que chegarán tarde e complicarán o proceso

María García explica que “na súa carta, o PSOE abre a porta, sen comprometerse, a unha liña de subvencións para devolverlles ás protectoras os gastos das esterilizacións. Pero é unha falsa promesa. Esas subvencións non teñen fondos nos orzamentos que o goberno prorrogou unilateralmente. Sería necesario facer un modificativo de crédito antes de lanzar sequera a convocatoria, que non entraría en vigor antes do verán. Ben pasada xa a época de celo e reprodución dos gatos e botando por terra o traballo realizado nos últimos anos”.

Mesmo se estas subvencións chegan a existir realmente, suporán burocratizar un procedemento que era sinxelo e efectivo. “Temos dúbidas de se a Concellería de Medio Ambiente non preferirá privatizar a xestión das colonias felinas e encargarllas a unha empresa antes que seguir colaborando coas protectoras. Pero ese modelo non funciona: sen a colaboración do voluntariado será imposible controlar alimentación e capturas nas colonias felinas. O goberno de Inés Rey non entende de benestar animal, nin lle interesa”

A %d blogueros les gusta esto: