Uncategorised 11/10/2020

A Marea Atlántica denuncia que o servizo do polideportivo de San Diego continúa baixo mínimos e con gran parte da plantilla en ERTE parcial

by Victor Lamela

O grupo municipal volve denunciar, unha vez máis, que a pesar das promesas de Inés Rey o polideportivo de San Diego continúa cos seus servizos baixo mínimos, con gran parte da plantilla en ERTE parcial e sen persoal para afrontar as esixencias sanitarias. Pero a empresa concesionaria, SUPERA, segue a cobrarlle a cuota íntegra ás persoas usuarias, coma se non pasase nada.

A concelleira Claudia Delso salienta que nin a alcaldesa nin a nova responsable de Deportes, a tránsfuga Mónica Martínez, se reuniron aínda coa representación sindical da empresa, a pesar das numerosas peticións. “Non teñen tempo para escoitar ás traballadoras e traballadores, nin tampouco para cumprir a súa palabra de manter o emprego intacto en todos os servizos municipais a pesar da pandemia”.

Nestes momentos, as instalacións municipais de San Diego están a funcionar con horario reducido, sen profesionais para cubrir todas as actividades e coa piscina pechada todos os días de 13h a 16.45h. As baixas de persoas usuarias son constantes desde hai meses. A concesionaria incumpre as súas obrigas contractuais sen que o goberno local faga nada para impedirllo.

O Concello debe esixir que se cumpra o contrato

“Inés Rey ten que exercer as súas competencias e esixirlle á empresa que cumpra cos compromisos laborais e normalice o servizo de 8h a 23h, que reincorpore á plantilla en ERTE e active todos os protocolos sanitarios obrigados. Tamén deben estudarse compensacións para devolver a parte proporcional das cuotas que se cobraron por un servizo que non se está a prestar. Xa abonda de mirar para outro lado”, afirma Claudia Delso.

Volvemos reclamar una aposta pola xestión directa dos servizos deportivos, unha opción que tanto mellora o servizo á cidadanía como as condicións laborais. Debe facerse en San Diego, unha vez que remate a prórroga do contrato actual, e debe facerse no Castrillón, en canto rematen as obras do novo polideportivo desbloqueadas no mandato anterior.

Termaria, unha alternativa á psicina de Riazor

A situación en San Diego fai que non sexa posible empregar estas instalacións como alternativa á piscina de Riazor, que hai meses que permanece pechada por obras. Esta mesma semana houbo un intento de trasladar actividades que tivo que ser cancelado.

Existe unha alternativa clara, ​que xa propuxemos​, negociar coa empresa Termaria, que xestiona as instalacións municipais da Casa da Auga, e empregar a súa piscina mentre a de Riazor non volva estar operativa. É unha cuestión de poñer o interese público por enriba do privado.

A %d blogueros les gusta esto: