coruna 31/07/2020

A Marea Atlántica deséxalle unha rápida recuperación ás persoas afectadas polos contaxios de COVID na Coruña e a súa área

by Victor Lamela

Desde a Marea Atlántica, queremos desexarlles en primeiro lugar unha rápida recuperación ás persoas afectadas por COVID, a raíz dos novos contaxios coñecidos hoxe, no Centro Cívico de Monte Alto e nun centro deportivo de Meicende. A elas e a todas as que se verán obrigadas a confinarse por mor do contacto, enviámoslles todo o noso apoio.

Facemos, tamén, un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento das medidas sanitarias e de seguridade. A enfermidade segue entre nós, e o seu carácter altamente contaxioso fai que as accións dunha soa persoa teñan consecuencias en moitas. E o acontecido en Meicende é a enésima proba. Non esquezamos a necesidade de protexernos e protexer a quen convive con nós. Esta pandemia xa custou máis de 28.000 vidas.

Alén do lamentable episodio da viaxe do C. F. Fuenlabrada, autorizada por La Liga dun xeito neglixente e irresponsable, e agravando o problema coas súas actuacións posteriores, os datos da área sanitaria da Coruña son unha preocupante chamada de atención. Nunha semana duplicáronse os casos, con varios focos na comarca.

A responsabilidade e o sentido común son agora extremadamente necesarios, tamén desde as institucións. Saudamos, por iso, a rápida actuación do Concello da Coruña no precintado do Centro Cívico de Monte Alto, e volvemos pedirlle que se esforce en garantir os medios para protexer as traballadoras e os traballadores municipais, especialmente en servizos vulnerables como as Escolas Infantís ou a Axuda a Domicilio, pero tamén facilitando o teletraballo do funcionariado.

O mesmo cómpre esixirlle á Xunta de Galicia, poñendo o foco no seu desastroso protocolo para a volta ás aulas en setembro. Resúmese en cero euros, ningún persoal novo e toda a responsabilidade para o profesorado e as familias. É intolerable.

Ademais das consecuencias sanitarias, a pandemia está a deixar unha crise económica e social que só comezou a desenvolverse, e que se agravará con cada rebrote. Traballemos xuntas para que o impacto sexa o menor posible.

A %d blogueros les gusta esto: