Ayuntamiento 08/10/2019

A Marea Atlántica esíxelle ao goberno municipal que cumpra a súa palabra e manteña o laicismo no Concello

by Victor Lamela

“Participará o goberno municipal en celebracións relixiosas? De forma institucional en ningunha”. É a resposta que deu o goberno do PSOE a unha pregunta presentada no Pleno polo grupo da Marea Atlántica para a súa resposta por escrito, un dereito que lle confire á oposición o Regulamento Orgánico Municipal. Recibímola o 3 de outubro, e o 7 de outubro Inés Rey xa incumprira a súa palabra asistindo como alcaldesa á misa do Rosario e difundíndoo a través das redes sociais do Concello. Noutra resposta escrita, o executivo local asegura crer no carácter laico das institucións democráticas, por iso esixímoslle que o respecte e sexa fiel aos seus compromisos.

María García, voceira da Marea Atlántica, sinalou que “ver á alcaldesa nunha cerimonia relixiosa en exercicio do seu cargo é decepcionante, é unha volta ao pasado. Inés Rey ten que representar a toda a cidadanía da Coruña, a que carece de confesión relixiosa e a que a ten, sexa cal sexa. E ten que respectar o mandato constitucional de aconfesionalidade do Estado. A mellor forma de respectar todas as crenzas é non mesturalas coa representación política”.

Nos últimos catro anos, o goberno de Xulio Ferreiro cumpriu o compromiso de laicismo co que se presentou ás eleccións de 2015. Xa na súa primeira semana como alcalde, escolleu participar nun acto de homenaxe á matemática coruñesa María Wonenburger en lugar de participar nunha cerimonia relixiosa. Non e tan difícil.

O PSOE é un partido que ten apostado repetidas veces pola laicidade institucional, e en moitos lugares onde goberna respecta este compromiso. O PSOE da Coruña non debera ser unha excepción.

Desleixo nas respostas ás preguntas escritas

Neste caso, as respostas as preguntas escritas son claras, aínda que breves. Pero en xeral, o goberno municipal respondeu ás cuestións presentadas pola Marea Atlántica con imprecisión, desinterese e falta de información, chegando a copiar e pegar a mesma resposta en varias preguntas diferentes. Lembrámoslle ao executivo de Inés Rey que a transparencia é unha obriga, non unha opción, e agardamos que a situación mellore no vindeiro Pleno.

A %d blogueros les gusta esto: