coruna 29/07/2020

A Marea Atlántica fai un chamamento a protexer o litoral fronte a pelotazos como o de Percebeira​s

by Victor Lamela

A Marea Atlántica fai un chamamento a protexer o bordo litoral da Coruña fronte á especulación urbanística e lamenta que o único modelo do goberno municipal para afrontar a crise semella ser o de fomentar a construción a calquera prezo. Á vista das imaxes e os datos publicados hoxe na prensa para o desenvolvemento do polígono das Percebeiras, en Labañou —antes de que os recibise a oposición—, o PSOE parece disposto a repetir erros do pasado. “A proposta para Percebeiras é un auténtico pelotazo. Estase a confirmar que o modelo de cidade volve pivotar sobre o ladrillo”, declara a nosa voceira, María García.

“En pleno 2020, agardabamos outras propostas urbanísticas do Concello da Coruña que non sexan construír torres de 10 e 13 alturas en primeira liña de costa, cando o PXOM marca un máximo de oito en termos xerais”, asegura o concelleiro Xiao Varela. Lembra que, xa no mandato anterior, as promotoras de Percebeiras presentaron un proxecto similar, rexeitado pola Xunta de Galicia e que o goberno da Marea Atlántica caducou por imcumplimento de prazos.

María García engade que “é un grave erro recuperar este modelo, cuxo impacto negativo na cidade está a vista, en forma de barrios desaparecidos, déficit de zonas verdes e espazos públicos, e sentenzas xudiciais millonarias, como as de Someso, Conde de Fenosa ou Castro de Elviña. Non vemos ningún motivo para esta volta atrás”.

A %d blogueros les gusta esto: