coruna 22/05/2020

A Marea Atlántica fai un chamamento para a implantación dunha Renda Básica Universal

by Victor Lamela

Desde a Coordinadora da Marea Atlántica ​aplaudimos as medidas e axudas que o goberno do Estado está a implantar e deseñar para as persoas máis afectadas pola crise sanitaria, social e económica derivada da pandemia de COVID-19.

Con todo, o paso adiante que supoñen medidas coma o Ingreso Mínimo Vital —pendente aínda de aprobación— pode ser insuficiente ou chegar tarde. Preocúpanos que esta fórmula deixe fóra a quen xa se atopaba en situación de pobreza e precariedade desde 2008, como acontece con tantos outros subsidios condicionais que existen en diferentes comunidades autónomas e concellos, así coma noutros países.

Unha crise da magnitude da que estamos a vivir, e que previsiblemente se agravará nos vindeiros meses, esixe solucións contundentes para protexer ás persoas. É por isto que desde a Coordinadora da Marea Atlántica consideramos que debe implantarse ​a Renda Básica Universal, para toda a cidadanía e sen condicións​, unha ferramenta máis ambiciosa, capaz de ​erradicar tanto a pobreza e as desigualdades ocasionadas pola crise sanitaria da COVID-19 como as xa existentes.

O goberno da Marea Atlántica foi pioneiro na implantación de políticas sociais avanzadas e inclusivas no Concello da Coruña, con medidas como a ​Renda Social Municipal​, e segue a reclamar a mellora desta renda para facela incondicional a toda a poboación da cidade. Pero entendemos que garantir a subsistencia dos sectores mais vulnerables da poboación é necesaria unha medida de carácter estatal.

Consideramos que, máis aló da crise do COVID-19, e debido aos problemas estruturais das nosas sociedades, ​é só cuestión de tempo que diferentes países implanten unha asignación monetaria universal e incondicional. Estamos a ver como a RBU está máis presente que nunca nos espazos de debate, nos medios de comunicación e goza de apoio crecente entre voces expertas e cidadanía.

A %d blogueros les gusta esto: