coruna 11/08/2020

A Marea Atlántica insta ao goberno de Inés Rey a aclarar as condicións nas que foron suspendidos o Festival do Noroeste e as Festas de María Pita

by Victor Lamela

A Marea Atlántica reclama ao goberno municipal que aclare os motivos polos que as empresas e profesionais contratados para a celebración do Festival do Noroeste e as Festas de María Pita aínda non foron informados das condicións nas que quedaron suspendidas as súas actuacións e contratacións, tralo anuncio da Xunta de Galicia das novas medidas preventivas a aplicar na cidade da Coruña e a súa área metropolitana por mor do aumento de casos de COVID-19.

Sempre poñendo a saúde diante e tendo en conta a normativa polo DOG, faise máis patente a delicada situación do sector da cultura na cidade, por mor da pandemia para o que este festival viña a dar algo de alivio, e ​máis dende o recorte de 700.000 euros no orzamento do IMCE.

Dende a Marea Atlántica tívose coñecemento de que este pasado venres, horas despois de que o Conselleiro de Sanidade anunciase as novas medidas preventidas para a cidade da Coruña e a área sanitaria Coruña-Cee, as diferentes empresas e profesionais implicados na programación cultural tanto do Festival do Noroeste como das Festas de María Pita recibiron diferentes chamadas telefónicas dende o Concello. Nestas conversas explicábaselles que non ían poder desempeñar o seu labor, mesmo en moitos casos despois de ter feito montaxes e probas de son horas antes, sen aclarar se o seu traballo será remunerado ou se percibirán indemnización algunha ao respecto.

“Preocúpanos a identificación que dende o Concello da Coruña se fai da cultura coma ocio nocturno sen ter en conta que o propio DOG publicado o venres, no que se recollen as medidas preventivas especiais que se deben aplicar na cidade e área metropolitana si permitía a celebración de ditos eventos.” comenta a voceira María García e continúa: “Nas medidas especiais a aplicar contémplase que as actividades culturais ao aire libre poden celebrarse igualmente, con permiso da Xunta e cun aforo máximo de 300 persoas mantendo as medidas sanitarias e de distancia xa aplicadas ata o de agora.”

O sector cultural, e concretamente o musical, está a ser un dos grandes damnificados pola crise sanitaria e social da COVID-19 e dende a Marea Atlántica queremos amosarlle todo o noso apoio e esixir aclaracións ao goberno de Inés Rey. Consideramos que a suspensión da programación musical da cidade, sen data alternativa nin posibilidade de reubicación en novos espazos da cidade reacondicionados coas medidas preventivas axeitadas ou sen alternativas coma a emisión por streaming, evidencia unha vez máis a falta de previsión organizativa e política coa que o PSOE da Coruña traballa en materia de cultura. Cremos, ademais, que o Concello da Coruña fracasou nestes cinco meses en atopar e ofrecer alternativas para ofrecer á cidade da Coruña e aos profesionais do sector solucións e propostas para a celebración de eventos culturais e musicais sen pór en risco a saúde pública e que, unha vez máis, queda claro o escaso interese que para o PSOE da Coruña ten o sector cultural da cidade e a veciñanza.

Sendo conscientes de que a crise sanitaria da COVID-19 e a súa incidencia na nosa cidade requiren de medidas sanitarias específicas e dun reforzo no compromiso de toda a veciñanza, non podemos permitir que volva ser o sector cultural quen padeza en primeira liña a toma de decisións arbirtrarias e oportunistas do PSOE local. Como vimos de reivindicar na inauguración da Feira do Libro na pasada semana, en boca do noso vicevoceiro Iago Martínez: “Cultura e saúde pública deben ser compatibles. A cultura combina con todo.”

A %d blogueros les gusta esto: