coruna 10/08/2019

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a convocar canto antes do Consello da Memoria Democrática para avanzar na recuperación da Casa Cornide

by Victor Lamela

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno municipal, en cumprimento da moción aprobada no Pleno do 12 de setembro, a convocar, coa maior brevidade, o Consello da Memoria Democrática —que aínda non se reuniu neste mandato— para avanzar no proceso de recuperación da Casa Cornide para a veciñanza da Coruña.

Como se recolle nese acordo plenario, pedímoslle ao goberno que reúna ao Consello da Memoria Democrática e dea contas dos avances e xestións que realizou nos últimos tres meses para que a residencia do histórico humanista José Cornide volva ser propiedade municipal, sumándose ás investigacións xa realizadas no pasado mandato.

O edificio estaba en mans do Concello, pero foi roubado pola familia Franco nunha fraude de lei da que xa existen probas documentais. Polo tanto, é posible seguir a senda xudicial aberta no caso do Pazo de Meirás e conseguir que os roubos da ditatura non queden impunes, pero para iso é necesario que o novo executivo local lle dea continuidade aos avances que sementou o goberno de Xulio Ferreiro.

Área de Memoria Histórica

Neste sentido, saudamos como positiva a creación dunha Área de Memoria Histórica, asignada ao mesmo concelleiro que as de Cultura e Educación, que poida recoller recoller o feito e continuar coa eliminación da simboloxía franquista na cidade, Oficina de Atención ás Vítimas e impulsar Cátedra de Memoria Histórica na UDC, entre outras medidas.

Para coñecer a capacidade de traballo desta área, solicitámoslle ao goberno a través dunha pregunta escrita información sobre cantas persoas están adscritas actualmente á Área de Memoria Histórica, e as súas previsións de futuro. Do mesmo xeito, solicitámoslle ao conselleiro Jesús Celemín que empregue estes recursos para elaborar un Plan de Memoria Histórica no que detallar os seus obxectivos para este mandato que acaba de comezar.

A %d blogueros les gusta esto: