Uncategorised 19/10/2019

A Marea Atlántica logra un acordo unánime para que o goberno municipal renda contas na Comisión de Transparencia

by Victor Lamela

A Comisión de Transparencia aceptou, por unanimidade, a proposta do seu presidente e concelleiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, para fixar algunhas obrigas básicas do goberno municipal á hora de render contas ante este órgano. Deste xeito, o executivo local comprométese a presentar unha serie de informes periódicos sobre transparencia, contratación pública e publicidade institucional. “É un compromiso que permitirá mellorar a capacidade de fiscalización da acción de goberno por parte da oposición e que redundará tamén nunha maior transparencia do Concello diante da cidadanía”, explica o edil.

O acordo adoptado hoxe fixa a obriga de presentar cada tres meses un informe sobre a ​contratación pública​, comezando en marzo de 2020, e incluíndo a porcentaxe de fondos destinados a cada un dos tipos de contratos previstos legalmente. Cada semestre darase conta do gasto en ​publicidade e propaganda cada semestre, detallando, cando menos, os gastos relacionados cos medios de comunicación. E cada ano entregarase unha análise sobre as ​políticas de transparencia e o grao de cumprimento da normativa específica e dos indicadores de Transparencia Internacional (ITA), con carácter anual.

O presidente da Comisión valorou positivamente “o acordo, o debate construtivo e mesmo a disposición, por parte de todos os grupos, para flexibilizar os prazos a petición do goberno, o que axudará a normalizar o exercicio de rendición de contas e transparencia, fundamental en calquera institución democrática”, e confiou en que o executivo fará o posible por cumprilo con dilixencia.

Mellor acceso á información

Ademais, no transcurso da comisión solicitóuselle ao goberno local maior dilixencia á hora de proporcionar información polas canles regulamentadas, tanto as preguntas escritas de Pleno como as solicitudes de acceso á información, cousa que ata o de agora se está a facer de xeito insuficiente.

A %d blogueros les gusta esto: