coruna 20/09/2020

A Marea Atlántica preguntará ao goberno municipal como e cando vai actuar para recuperar o cárcere da Torre

by Victor Lamela

A Marea Atlántica preguntaralle ao goberno municipal no vindeiro Pleno polos seus plans para recuperar o antigo cárcere da Torre e reabrilo para a veciñanza, tras o último revés xudicial que confirma o fracaso da vía xurídica aberta polo Partido Popular. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volveu rexeitar os argumentos do goberno do PP e confirmou que a vía escollida para recuperar a propiedade é nula.

“Queremos saber que fixo en 15 meses o goberno do PSOE para recuperar este edificio histórico, que parece estar man sobre man mentres avanza o deterioro da estrutura”, argumenta a nosa voceira María García. As principais dificultades proveñen do convenio asinado por Francisco Vázquez, que obriga ao Concello a pagar 1,2 millóns de euros por un inmoble que debería ser seu. A herdanza desastrosa do vazquismo segue a medrar e ​suma máis de 25 millóns de euros​.

“Se Inés Rey ten esa liña directa coa Moncloa da que adoita falar, este é un bo momento para empregala para falar co Ministerio do Interior ou coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e recuperar a titularidade do penal. Non sabemos se mantivo aínda unha soa xuntanza, ao igual que descoñecemos os seus plans para o modelo de uso e xestión do edificio”, explica a portavoz da Marea Atlántica. E engade que “o antigo cárcere provincial é un dos edificios máis simbólicos da cidade, non só polo seu valor arquitectónico e pola súa ubicación, senón por todo o que supón no eido da memoria histórica. Recuperalo e rehabilitalo para a cidade é o xusto”.

PSOE e PP suman mala xestión

Pola súa banda, a concelleira Claudia Delso lembrou que “o cárcere era un edificio propiedade do Concello, que lle foi cedido ao Estado para servir como prisión. Tendo en conta que leva décadas pechado e sen exercer esa función, o xusto tería sido que o Estado llo revertera ao Concello de xeito gratuíto. Pero en 2005 o último dos goberno de Francisco Vázquez asinou un convenio que obriga a pagar 1,2 millóns de euros para rescatar o que xa era da Coruña”.

Durante o seu mandato, o PP abriu unha vía xudicial, con varia demandas, e tentou rachar este convenio de forma unilateral, cousa que foi penalizada pola xustiza. Xa o 15 de maio, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumbou estas pretensións nunha sentenza, e agora un segundo fallo en contra confirma o fracaso da xestión do Partido Popular. Fracaso que empeora se o sumamos a campaña de acoso e difamación que este partido emprendeu contra o goberno de Xulio Ferreiro, enlamando todos os intentos de reabrir o antigo cárcere.

Pese a todo, a Marea Atlántica traballou desde a negociación e logrou asinar un convenio co SIEP, que permitiu empregar o edificio para actividades sociais durante uns meses e realizar as obras de rehabilitación máis urxentes. O deterioro, con todo, era peor do previsto, e resulta preciso un maior investimento para evitar que continúe empeorando.

A actitude do goberno anterior contrasta con inmobilismo no que o PSOE se mantivo nos últimos meses, sen dar sequera a coñecer á veciñanza os seus plans para a recuperación do cárcere. Agardaremos resposta no vindeiro Pleno.

A %d blogueros les gusta esto: