Uncategorised 12/08/2020

A Marea Atlántica reclama á Xunta e ao Concello unha volta ao cole con máis garantías para toda a comunidade educativa

by Victor Lamela

A Marea Atlántica esixe máis implicación da Xunta de Galicia e do goberno municipal do Concello da Coruña, que deben coordinarse e colaborar para asegurar un setembro que garanta as mellores condicións para toda a comunidade educativa: dende profesorado e alumnado ata as propias familias.

Sen recursos e cunha morea de incertezas que tensionan aos centros de ensino, ao profesorado, aos equipos directivos e ás propias ANPAS que teñen que asumir practicamente toda a responsabilidade do que lle corresponde ás administracións. Un protocolo desenvolvido dende a Xunta de Galicia a ​custo cero, como denuncian todas as centrais sindicais e sen contar con profesorado ou representantes das familias.

“Non se habilitan novos espazos, non se contrata novo persoal docente nin de limpeza, a ratio de alumnado segue a ser alta para manter a distancia de seguridade e non hai directrices precisas para afrontar un rebrote. Non é de recibo, estamos ante un protocolo que establece mínimas adaptacións, iso si: a custo cero”, apunta Silvia Camean, concelleira da Marea Atlántica.

Bolsas comedor e novas medidas de conciliación

A esixencia de redución de aforo dos comedores ou a anulación de actividades extraescolares pode desembocar non só nunha fenda para a conciliación, tamén existe o risco de exclusión de nenos e nenas con familias con menos recursos.

A este respecto sinala Silvia Cameán: “Instamos ao goberno municipal a que estableza mecanismos que garantan que os nenos e as nenas beneficiarias das bolsas comedor non queden fóra. Se a prioridade ante a redución de prazas de comedor vai ser unicamente a conciliación, existe un gran risco de que estes nenos e estas nenas con familias desempregadas queden marxinadas.”

Na mesma liña, dende a Marea Atlántica esiximos ao goberno local que axilice a adxudicación destas bolsas comedor que este ano van con moito retraso. Do mesmo xeito, ​debe impulsar as medidas de conciliación que xa están contempladas no plan de reactivación ante a Covid, aprobadas hai dous meses no Pleno Municipal.

Outras medidas positivas para facilitar a vida escolar neste escenario de pandemia son a instalación de enfermeirías nos centros con persoal cualificado, suxerida dende varias asociacións, ou a ampliación dos contratos de limpeza e desinfección, para o cal é imprescindible habilitar os fondos necesarios.

A %d blogueros les gusta esto: