coruna 26/09/2020

A Marea Atlántica reitéralle ao ao goberno municipal a necesidade de regular o teletraballo no Concello

by Victor Lamela

O grupo municipal da Marea Atlántica insta, unha vez máis, ao goberno municipal a regular o teletraballo no Concello, facéndoo compatible coa xornada presencial e a calidade da atención á veciñanza. Como viñemos sinalando ​desde hai meses​, o traballo a distancia é o mellor xeito de non desatender os servizos municipais, facilitar a conciliación do persoal e evitar riscos sanitarios.

Neste sentido, volvemos insistir na necesidade de emitir unha instrución para regular as solicitudes de teletraballo, tomando como base o Real ​Decreto-lei 28/2020 sobre o traballo a distancia e a futura Lei de Teletraballo que se está a elaborar. Os meses de confinamento demostraron que é posible facelo, técnica e organizativamente.

Esta regulación debería permitir que o traballo a distancia se compaxine co presencial, adaptado as circunstancias de conciliación ou risco sanitario de cada persoa. E evitando, en todo caso, calquera tipo de penalización para quen opte por completar a súa xornada desde a casa.

Regular axeitadamente o teletraballo e dotar á política de persoal de flexibilidade laboral resolvería a situación de moitas familias, ante o risco de peche de aulas nos centros de ensino, a desaparición das actividades extraescolares, e a redución de servizo en ​moitos centros de día​, pese á propaganda da Xunta.

O goberno municipal ten fondos para modernizar a Administración, facilitando non só o teletraballo, tamén a relacióin da veciñanza cos servizos municipais. Grazas á proposta da Marea Atlántica, o plan de choque contra o COVID inclúe 840.000 euros para esta fin, e instamos ao executivo local a facer bo uso deles.

Conciliación para toda a veciñanza

Reclamamos, de igual modo e ​como vimos facendo​, medidas de conciliación para o conxunto da cidadanía, coma o reforzo da axuda a domicilio e o servizo de canguraxe. Son dúas actuacións introducidas pola Marea Atlántica tanto nos Orzamentos 2020 como no plan de choque contra a pandemia, pero seguen sen cumprirse.

A %d blogueros les gusta esto: